
O Diario Oficial de Galicia (DOG) fixo pública a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas nas aldeas modelo ourensás de Covelo, en Taboadela; de Cortegazas, en Avión; e en Soutogrande, na localidade de Vilariño de Conso; xunto coa coruñesa de Ferreiros, en Ames.
En Soutogrande perfílase como actividade principal a gandería en extensivo e cultivos agrícolas complementarios á explotación, así como o aproveitamento da castaña na zona de souto, uníndoo ao apícola. Como actividade secundaria propóñense os cultivos leñosos, como pode ser plantación de froiteiras, principalmente castiñeiro para froito. A aldea modelo abrangue 34,54 hectáreas, distribuídas en 99 parcelas de 46 propietarios.
Presentación de propostas
Cómpre engadir que poderán presentar propostas de aproveitamento as persoas físicas e xurídicas, as administracións públicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas.
Para o exercicio da súa actividade, os solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes, e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.
Canto ás propostas, deben axustarse á normativa sectorial que resulte de aplicación en cada caso e aos proxectos de ordenación produtiva aprobados para cada aldea modelo. O prazo para que a Xunta dite resolución expresa e a notifique será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Así, os interesados en poñer a producir estas terras terán un prazo de 15 días naturais para facer chegar as súas solicitudes, contados a partir de mañá.
As aldeas modelo en Galicia
A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia inclúe as aldeas modelo como unha das súas ferramentas para a mobilización de terreo infrautilizado. A nosa comunidade conta con 21 aprobadas, das cales 14 se atopan na provincia de Ourense, e que permitiron poñer en valor 575 hectáreas dentro das 35.000 que se mobilizaron desde o 2020.
Estas aldeas modelo estarán en funcionamento antes de que remate o ano para cumprir co obxectivo de fomentar a posta en marcha de actividade agrogandeira en terras que se atopan en estado de abandono ou infrautilización, dinamizando os núcleos das aldeas, favorecendo a remuda xeracional e fixando poboación no rural.
Esta norma, que tamén contempla outros instrumentos como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, contribúen á prevención e á defensa contra os lumes.