jueves. 29.01.2026

Xuntanza de folións e sopas de allo estrean o Entroido en Vilamartín

Begoña Vega e Ana  Fernandez estiveron en Radio Valdeorras presentando o programa da décimo primeira edición da Festa das Sopas de Allo que converterá o sábado 7 de febreiro nun día completo de música, encontro e gastronomía popular
somoscomaca_vilamartin_begoñavega_anafernandez_sopasdeallo_osviticultores
somoscomaca_vilamartin_begoñavega_anafernandez_sopasdeallo_osviticultores

Vilamartín volve quentar motores arredor dunha das receitas máis sinxelas e, ao mesmo tempo, saborosas e cargada de tradición gastronómica. O sábado 7 de febreiro, o Folión Os Viticultores organiza a VII Festa das Sopas de Allo, unha cita xa consolidada que combina xuntanza de folións, pregón, desfile polas rúas e comida popular.

Tal e como explicou en Radio Valdeorras Onda Cero a presidenta do colectivo, Begoña Vega, a xornada comezará ás 11.30 horas na praza Xosé Luis Núñez co tradicional «permiso», un ritual propio do Entroido das zonas de Vilariño e Manzaneda no que os folións piden, en verso e con retranca, autorización para tocar e desfilar polo pobo. Un acto no que, como manda a tradición, os máis pequenos teñen prioridade, dando paso despois aos maiores.

somoscomarca_20250222_vilamartin_desfilefolions_sopasdeallo_osviticultores (20)
Sopas de allo no 2025

Tras o permiso chegará o pregón, que este ano será especial: por primeira vez serán tres persoas do propio folión as encargadas de dar voz á festa. «Xa era hora de que alguén do noso folión se puxera a dar o pregón», sinalou Begoña.

Xunto a Kikí e Pepe, unha das pregoeiras será Ana Fernández, que adiantou que o texto xirará arredor das «vivencias compartidas no folión, da memoria e do camiño percorrido».

Unha vez rematado o pregón, arrancará o Desfile de Folións, que percorrerá as rúas de Vilamartín ata a praza da Rodeleira, entre bombos, aixadas, e o son característico de cada agrupación.

somoscomarca_20250222_vilamartin_desfilefolions_sopasdeallo_osviticultores (18)
begoña e o alcalde De Vilamartín no pregón do pasado ano 

Nesta sétima edición participarán dez folións visitantes, ademais de Os Viticultores: Carracedo da Serra, Tameirón, Petín, O Can de San Roque, Fiadeiro de Trives, Sobrado de Trives, O Irrio de Castro Caldelas, As Tablillas de Valdín-Porto, Chandrexa de Queixa e A Caniceira de Trives.

«Ano tras ano a emoción vai a máis, nunca a menos», recoñeceu Begoña, lembrando que as condicións meteorolóxicas deste inverno impediron moitos encontros previos, polo que esta xuntanza será tamén unha ocasión moi esperada para reencontrarse.

Xa pola tarde, ás 14.30 horas, chegará a parte gastronómica no pavillón municipal, cun menú completo no que non faltarán os aperitivos, empanadas, sopas de allo, orella e morro á galega, chourizos con patacas cocidas, bica, café, licores e bebidas. Todo iso por 20 euros, incluíndo a tradicional cunca de barro e a participación no sorteo dun lote de produtos da matanza.

Desde a organización insisten na importancia de mercaren as entradas con antelación, xa que a colocación con cadeiras require unha planificación previa. As entradas poden adquirirse en Cafetería Aquarela e Perruquería Duar en Vilamartín, e en Modas Rosendo no Barco.

A Festa das Sopas de Allo é, para Os Viticultores, moito máis ca unha comida: é unha aposta pola tradición, pola transmisión xeracional e polo Entroido vivido na rúa. «Animamos a que a xente veña cos nenos, a que se unan, porque isto é algo que se vive xuntos», apuntou Ana, destacando o valor de ver maiores e pequenos compartindo música, ritmo e memoria.

Este 7 de febreiro, Vilamartín será punto de encontro para quen entende o Entroido como festa viva: con folións, con palabras ditas desde dentro e cun prato humilde que sabe a casa. Sopas de allo, música e tradición… o resto, poñenllo os que se acheguen a compartilo.

Xuntanza de folións e sopas de allo estrean o Entroido en Vilamartín