domingo. 19.05.2024

Confederación Hidrogáfica Miño-Sil ven de conceder ao concello de Vilamartín de Valdeorras unha nova captación de auga para abastecer aos veciños de Arcos e Valdegodos. As obras para a instalación da tubaxe dende o río Farelos ao seu paso por Córgomo, que comezaban a semana pasada, finalizarán, “se as cousas saen como pensamos, en 20 ou 25 días”, explica o alcalde da vila, Enrique Álvarez Barreiro.

Debido á seca dos últimos meses, o edil de Vilamartín facía a solicitud de urxencia a Confederación Hidrográfica Miño-Sil porque “a captación de Abelaído que ata o de agora viña funcionando, estase quedando sen auga pouco a pouco”. A pesar de ter advertido aos veciños dos pobos polos que discurre o río Farelos, Córgomo, Baxeles, Arcos e Portela, da inminente acometida, sinala o alcalde que “estamos tendo problemas porque algún veciño insultou aos obreiros municipais acusándoos de roubarlles a auga”. É por eso que lembra Barreiro que “a auga é un recurso de todos e cando fai falta e Confederación da permiso, debemos dispoñer dela. Non podemos permitirnos quedar sen auga por exemplo na residencia de anciáns, que conta con maís de 200 habitacións”.

Esta nova captación de auga concedeuse ao concello de Vilamartín “por dous anos para que podamos ter auga mentres se soluciona o problema da seca e se non se soluciona que podamos pedir outra prórroga”. Ademáis apunta que “ninguén quedará sen auga porque faise por debaixo do uso para o rego”.

A acometida, por valor de 30.000 euros, foi asumida íntegramente polo concello. Barreiro insiste en que debe finalizarse canto antes porque “nos últimos dous meses que estivemos bombeando auga da captación de Vilamartín, nos está costando máis de 4.000 euros”.

Vilamartín comeza as obras para a captación urxente de auga no río Farelos