Os veciños de Arcos reclaman a limpeza do río Farelos ao seu paso pola N-120

Os veciños de Arcos reclaman a limpeza do río Farelos ao seu paso pola N-120
Os A Asociación de Veciños San Lourenzo alerta da acumulación de vexetación e restos no río Farelos, que dificultan o paso da auga baixo a ponte da N-120 e poderían provocar arrastres de madeira e inundacións cando cheguen as choivas tras os incendios de agosto

A Asociación de Veciños San Lourenzo de Arcos de Valdeorras vén de solicitar á Unidade de Estradas do Estado de Ourense e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que acometan con urxencia labores de limpeza no río Farelos ao seu paso pola estrada N-120, á altura do punto quilométrico 458+500, dentro do municipio de Vilamartín de Valdeorras.

O colectivo veciñal, presidido por Jesús Dorado Noya, rexistrou sendos escritos dirixidos a ambas institucións alertando do estado actual do cauce. Segundo explican nun texto remitido aos medios, a acumulación de vexetación e pedras arrastradas pola forza da auga está a dificultar o curso natural do río cara á súa desembocadura no Sil.

A preocupación increméntase tras os incendios forestais rexistrados o pasado mes de agosto. «Cando cheguen as choivas con forza, van producirse arrastres de restos de madeira que poderían provocar unha entrada en carga na ponte da N-120», advirten desde a asociación. Isto, engaden, suporía un risco tanto para a estrutura de formigón e os taboleiros da ponte como para a seguridade viaria.

Foto AA.VV San Lourenzo de Arcos de Valdeorras denunciado el estado del río Farelos

Desde San Lourenzo tamén lembran que a falta de rexeneración deste tramo podería ter consecuencias máis graves: o desbordamento do río. «Unha situación así implicaría inundacións en fincas particulares, danos en vivendas situadas estrada abaixo e un perigo evidente para a circulación pola N-120», sinalan.

Por todo isto, a Asociación de Veciños San Lourenzo pide ás administracións competentes que actúen canto antes para limpar e asegurar o paso do río Farelos, evitando riscos tanto ambientais como para os veciños e condutores que transitan por esta zona de Vilamartín de Valdeorras.