martes. 22.07.2025

A Rodeleira recibe á Virxe da Magdalena na súa festividade

O barrio vilamartinés ademais acollerá pola tarde dous espectáculos a partires das 20:30 horas
somoscomarca_20250722festasdamagdalena_vilamartin (1)

Vilamartín de Valdeorras celebra este martes a festa da Magdalena, unha cita moi esperada no calendario estival desta localidade ourensá, especialmente no barrio da Rodeleira, epicentro da celebración.

A xornada comezou cun dos momentos máis emotivos: a procesión da Virxe da Magdalena, que partiu da igrexa de San Xurxo e percorreu a rúa principal do pobo ata chegar ao barrio da Rodeleira. Unha vez alí, os veciños rodearon o cruceiro, para logo regresar co paso ata o templo parroquial, onde se celebrou a misa solemne.

somoscomarca_20250722festasdamagdalena_vilamartin (4)
A imaxe saíndo da igrexa

Durante todo o percorrido, a charanga encargouse de amenizar a procesión. A mesma formación musical foi a protagonista da sesión vermú posterior á misa, que se converteu nun encontro entre veciños e visitantes, ao redor dun viño, uns pinchos e moitas ganas de pasalo ben.

somoscomarca_20250722festasdamagdalena_vilamartin (2)
Na Praza de Rosalía na Rodeleira

Pero a festa non remata aí. A tarde traerá consigo dous espectáculos no marco do programa Cultura no Camiño, que aposta por achegar propostas culturais de pequeno formato ás vilas e aldeas galegas. Ás 20.30 horas, a praza Rosalía da Rodeleira acollerá a actuación de Charlatán Rodríguez, cunha proposta escénica chea de humor, improvisación e interacción co público, ideal para toda a familia.

somoscomarca_20250722festasdamagdalena_vilamartin (3)

Xa entrada a noite, ás 21.30 horas, a quendaserá para a banda Galifunk Brass, que encherá a mesma praza de ritmo e enerxía co seu estilo fresco, que mestura funk, soul, pop e música galega. A súa actuación porá a banda sonora perfecta ao comezo dunha noite de festa e baile.

A Magdalena en Vilamartín é moito máis ca unha festividade relixiosa: é un encontro da veciñanza unha mostra de identidade e unha ocasión para celebrar a vida con música, cultura e tradición.

A Rodeleira recibe á Virxe da Magdalena na súa festividade