martes. 24.06.2025

Restablecido o tráfico nas dúas estradas cortadas por mor do vento en Vilamartín

As árbores caídas

por mor do vento mantiveron cortadas as estradas entre Portela e Córgomo e Valencia

do Sil coa central hidroeléctrica

Por mor dos refachos de vento da pasada noite, ente ás 2:00 e as 4:00 horas caeron dúas arbores en sendas estradas de Vilamartín de Valdeorras. As vías afectadas foron as que unen Portela con Córgomo e Valencia do Sil coa central hidroeléctrica. Na estacion de Lardeira rexistráronse ventos de 128 km/h na pasada madrugada.



Foron os membros de Protección Civil deste Concello quen procederon á retirada das árbores de dimensións considerables. No caso da estrada entre Córgomo e A Portela a árbore caeu enriba do tendido telefónico polo que houbo que andar con máis coidado para liberar o canleado.

Árbore caída enriba do tendido telefónico entre Córgomo e Portela

Finalmente as estradas quedaron limpas e abertas ó tráfico pasadas as 13:00 horas do domingo 3 de novembro, segundo confirmaba o alcalde desta vila, Enrique Álvarez Barreiro, quen agradecía a colaboración de  Protección Civil.  «Hai que agradecer ós voluntarios de Protección Civil a súa colaboración, ó final en días como hoxe no que non  traballan os operarios do Concello a súa intervención faise se cabe máis necesaria e imprescindible», salientaba Álvarez Barreiro.

Na estrada á beira do Sil en Valencia tamén caeu unha árbore

No 2017 «Ana», o primeiro gran temporal do outono, deixara neste mesmo treito da estrada de Valencia do Sil unha árbore que cortaba a estrada. Tamén se producían daquela, diversas incidencias por mor da chuvia e complicacións no tráfico rodado.

Fotos cedidas

Restablecido o tráfico nas dúas estradas cortadas por mor do vento en Vilamartín