A RAG presenta a Primavera das Letras de Florencio na súa terra natal

Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (2)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (3)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (4)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (5)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (9)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (10)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (11)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (12)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (13)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (16)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (19)
Primaveira das Letras 2022 Florencio Delgado (20)
A Real Academia Galega —RAG— compartiu coa comunidade educativa do CEIP de Vilamartín de Valdeorras a presentación dunha nova etapa do proxecto para os nenos e nenas de infantil e primaria

A Primavera das Letras agromou hoxe no colexio de Vilamartín de Valdeorras, o concello da comarca de Valdeorras onde naceu Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). A Real Academia Galega presentou no CEIP Xosé Manuel Folla Respino, da man da súa comunidade educativa, unha nova andaina dun proxecto posto en marcha en 2016 para achegar a figura homenaxeada cada 17 de maio aos nenos e nenas de infantil e primaria.

Entre outras novidades, na etapa que comeza a institución contará con escritoras e escritores de literatura infantil para lle dar a coñecer á xente miúda a vida e obra da persoa protagonista do Día das Letras Galegas, explicou a directora do proxecto, a académica Fina Casalderrey.

Ledicia Costas, unha das autoras de máis éxito do momento, asina a biografía do poeta valdeorrés xa dispoñible na páxina web primaveradasletras.gal, á que lle pon cor coas súas creacións a ilustradora Blanca Millán. A proposta seguirá ademais a ofrecer actividades interactivas e o concurso Contádenos o voso Día das Letras, e estreará proximamente unha nova sección para, alén da celebración do Día das Letras Galegas, ofrecer outros contidos divulgativos da lingua e da literatura galegas e favorecer o diálogo cos centros escolares.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Fina Casalderrey deron a coñecer a nova edición de Primavera das Letras nun acto no que tamén interviñeron o director do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, José María González Cubelos; Priscila Núñez, en representación das familias do alumnado; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro.

Pero os verdadeiros protagonistas desta primeira homenaxe da Real Academia Galega a Delgado Gurriarán na súa terra foron os nenos e nenas da única escola deste concello do extremo oriental ourensán, que conta con vinte e cinco menores matriculados, varios deles veciños e veciñas de Córgomo, a parroquia onde naceu o homenaxeado. Parte do alumnado interpretou en directo a adaptación musical do poema “Vente, ventiño do norte” realizada polo mestre de música, Jaime Díaz Paradelo, e na páxina web do proxecto pode verse xa un vídeo no que participa boa parte do alumnado do colexio dramatizando e recitando outras composicións do poeta de Valdeorras.

 

 

O Florencio neno chegado do Máis Alá

“Con Primavera das Letras, a Real Academia Galega quere achegarse aos máis novos para que coñezan un pouco máis da nosa literatura. Estou seguro de que, da man dos mestres e mestras, este ano van coñecer un capítulo importante da nosa historia e, polo tanto, do que somos e do que podemos ser no futuro”, salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que tamén pon o acento no papel esencial das familias na transmisión interxeracional do idioma. “As nais e os pais sodes moi importantes para a lingua galega, tendes un papel fundamental para que os nenos e as nenas a sintan como algo propio, sementado no corazón dos afectos”, expresou.

Estas son as primeiras Letras Galegas, engadiu o presidente, nas que a Academia mira cara a unha parte moi concreta desa historia recente, a do exilio mexicano, onde Florencio Delgado Gurriarán e outras personalidades da diáspora mantiveron viva a lingua e a cultura galega con iniciativas como a revista Vieiros. Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta e creadora da serie Os minimortos, achega episodios coma este ao público infantil nun relato biográfico, presentado en catro fichas descargables, cheo de emoción e amenidade.

Ledicia, coa maxia do seu talento literario, conseguiu traer o Florencio neno do Máis Alá, non podía ser doutro xeito, para que el mesmo, en primeira persoa, nos relate a súa infancia en Córgomo e convídanos a subir canda el nese barco que cruzou o océano dende Bordeos ata Veracruz. Dos seus medos, das emocións, dos libros que escribiu, das revistas que puxo a andar... de todo iso nos fala”, avanza Fina Casalderrey. “Oxalá que, ao coñecer a súa figura, todos os nenos e nenas de Galicia acaben poñendo tamén en papeliños, como facía Florencio Delgado Gurriarán, Quérote, Galicia, e se convertan nunha especie de robinsons da nosa lingua, e que xuntos fagan que o galego continúe durante moitas primaveras máis, como quería Cunqueiro e como queremos todos nós”, expresa.

Un orgullo e exemplo para toda a comarca de Valdeorras

O director do CEIP Xosé Manuel Folla Respino destaca a oportunidade que significan as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán para o fomento da lingua galega entre as xeracións máis novas. “Sentímonos moi orgullosos de que o noso Corgomófilo sexa a figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. A súa elección significa para nós o recoñecemento da cultura valdeorresa, e desexamos que sexa un referente para as futuras xeracións desta comarca e que axude a fomentar o uso do galego entre elas”, di.

O Presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, despediu o acto, non sen antes emprazar a todos os presentes a verdadeira festa das letras que terá lugar en Cógomo o vindeiro 17 de maio: