
A vivenda onde naceu Florencio Delgado Gurriarán, en Córgomo, acolleu a presentación do V Premio de Poesía que leva o seu nome. Interviñeron o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez; a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; e o activista cultural e membro do patronato, Anxo Baranga.
«Non pasaron nin 15 días da declaración da Fundación Florencio Delgado Gurriarán como de Interese Cultural Galego e xa estamos presentando a primeira actividade», apuntou Margarida Pizcueta. Cun cartel deseñado por Eva Piay, natural de Rubiá, «este é un dos premios de poesía que mellor se paga en case toda Galicia», segundo Anxo Baranga.

Un total de 3.000 euros é o que vai recibir o autor ou autora gañadora, cun único requisito: o poema debe estar escrito en galego. As inscricións abren hoxe mércores e pecharán o vindeiro 15 de setembro, e poden realizarse na páxina web da Fundación.
Pola súa banda, Enrique Álvarez agradecía na presentación «a elección de Córgomo para facela e a colaboración da Deputación de Ourense».