miércoles. 04.06.2025

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán terá unha sede no Barco

Estará situada na rúa San Roque número 8 e foi presentada o mesmo día no que o DOG declarou esta institución de «interese galego». Débora Álvarez, directora xerente, deu todos os detalles
sedefundacionflorenciodelgadogurriaran (2)
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán terá unha sede no Barco.

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán contará cunha sede no Barco, concretamente no baixo da rúa San Roque número 8. Hoxe venres 12 de xullo presentouse este futuro espazo que irá dedicado á lingua, poesía e cultura na comarca. Precisamente hoxe publicouse no DOG a calificación da Fundación como de interese galego.

Esta fundación é a primeira de carácter cultural de Valdeorras, na que participan a familia do autor de Córgomo, intelectuais e activistas culturais e os concellos valdeorreses. 

No acto de presentación da sede participaron Débora Álvarez, xerente da fundación; Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín; Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco; Aurelio Blanco, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses; e Anxo Baranga, activista cultural e membro do patronato.

Dende este medio mantivemos unha conversa coa directora xerente da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, Débora Álvarez, quen deu todos os detalles desta sede e tamén do que significa a calificación de interese galego. 

sedefundacionflorenciodelgadogurriaran (1)

SOMOS COMARCA: A Fundación Florencio Delgado Gurriarán terá sede no Barco.

DÉBORA ÁLVAREZ: Si, hoxe presentamos xa o que vai ser esa sede. Fixémolo hoxe porque sae publicado no DOG a calificación da Fundación como de interese galego. Dalgunha maneira hoxe damos comezo ao traballo da fundación. 

SC: Está aberta xa?

DÁ: A sede é sobre o que se crea esta fundación a través dunha doazón que nos fai o noso vicepresidente, Emilio Vega. O baixo está na rúa San Roque pero teremos que rehabilitalo e transformalo no que queremos que sexa un espazo de divulgación, exposicións... todo tipo de encontros. 

SC: Que significa entrar no Rexistro de Fundacións de Interese Galego? 

DÁ: Significa moitísmo. Hai moitas institucións que levan anos detrás do recoñecemento de Florencio Delgado Gurriarán. Nós collemos o relevo no ano 2016 co proxecto "As letras de Florencio" e continuamos no 2022 coas Letras Galegas na súa honra. Pero sabíamos que, tal e como queríamos poñer en marcha este proxecto e aunar as institucións e a cidadanía, precisábamos unha figura xurídica que englobase todo. Creíamos que o máis importante era crear esta Fundación. Levamos dende 2021 até o de agora. 

SC: Consideras que dende a fundación estades conseguindo ese recoñecemento do poeta?

DÁ: Sí, xa se conseguiu. A figura de Florencio Delgado Gurriarán é amplamente coñecida polos veciños de Valdeorras e pensamos que tamén foi parte da Fundación. Pero teremos outros moitos traballos. Seremos a primeira entidade cultural deste tipo en toda a comarca, queremos ter ese compromiso e representar a todo Valdeorras. Hai moito traballo a nivel cultural e social, dende logo cun carácter literario e poético e de salvagarda do noso poeta. 

SC: A do Barco será a única sede da fundación?

DÁ: A partir de agora teremos outros puntos de referencia porque como esta sede no municipio aínda non está operativa —e non será algo inminente— estamos a traballar cos Concellos que entrarán dentro do padroado para que nos poidan ceder locais. Temos xa un no Barco e teremos outro en Vilamartín, municipio de nacemento do poeta. 

Pode escoitar a entrevista completa con Débora Álvarez neste enlace de audio

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán terá unha sede no Barco