
Na ladeira leste de Córgomo, en plena comarca de Valdeorras, atópase un tesouro arqueolóxico que nos achega ás civilizacións que habitaron estas terras hai milenios. Trátase do Petróglifo do Bosque, un conxunto de gravados rupestres que nos descobre José Fernández, presidente da Sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Valdeorreses. Con el percorremos a contorna e aprendemos que detrás de moitas rochas hai historias que forman parte da nosa.
Un achado no camiño entre Valdegodos e Arcos
O lugar, coñecido como O Bosque, forma parte dun antigo camiño que conecta Valdegodos con Arcos, chegando ata o cementerio desta última localidade. O propio José Fernández, «Pepe das pedras», describe as características xeolóxicas da zona: «Atopamos un afloramento de rocha conglomerada, composta por cantos rodados, óxido de ferro e area. A elevada cantidade de óxido de ferro fixo que esta rocha se solidificase como un formigón natural, duro pero manexable».

Segundo explica, xa na Idade do Bronce aproveitáronse as superficies máis lisas para gravar os petróglifos, mentres que noutras épocas, como a romana ou medieval, moitos destes gravados foron destruídos ao extraer bloques para construcións.

«A igrexa de Arcos, por exemplo, ten un retablo pétreo extraído desta mesma rocha, igual que outras igrexas e pazos de Valdeorras», detalla Fernández.
Unha fiestra ao pasado: os gravados e a súa simboloxía
O petróglifo conservado presenta unha rica variedade de elementos coma as cazoletas ou coviñas, que «poderían ter unha función ritual ou astronómica», liñas serpentiformes, que algúns investigadores asocian con simboloxía relixiosa ou representacións de ríos e camiños e círculos concéntricos, quizais ligados a crenzas sobre o máis alá ou sobre ciclos da natureza.

«Se nos fixamos con atención, vénse perfectamente as picadas realizadas cunha ferramenta de bronce, posiblemente un punzón. O traballo realizado é dunha precisión incrible», sinala o arqueólogo.
Ademais dos gravados, no lugar atópase unha pía que, segundo as crenzas populares, tiña un uso ritual: «A xente recollía a auga que quedaba na pía durante meses e aplicábaa en zonas do corpo afectadas por reuma», comenta Fernández.

A existencia desta pía suxire que o lugar puido ter un significado especial para as sociedades antigas, funcionando como un santuario ao aire libre.
Un legado ameazado pola historia
A destrución parcial do conxunto rupestre evidencia o impacto da actividade humana ao longo dos séculos. Bloques de pedra foron extraídos para a construción de edificios relixiosos e civís, levando consigo unha parte irremprazable da historia. Ademais, a erosión natural e o paso do tempo tamén afectan á conservación destes gravados.

A posta en valor do Petróglifo do Bosque permitiría aos investigadores afondar no estudo das comunidades prehistóricas que habitaron Valdeorras. Por iso, os especialistas insisten na importancia de protexer este tipo de achados, xa que son testemuños directos das primeiras manifestacións artísticas e espirituais da nosa historia.
«Estamos ante unha peza fundamental para comprender a cultura megalítica de Valdeorras, un testemuño directo das súas crenzas e formas de expresión», conclúe José Fernández.

O descubrimento do Petróglifo do Bosque abre novas vías de investigación sobre a prehistoria galega, reafirmando a riqueza patrimonial e cultural da comarca de Valdeorras. A súa conservación e estudo son claves para manter viva a nosa historia e comprender mellor o noso pasado.
José Fernández, pepe das Pedras, explica a partir do minuto 18 do Pueblo a Pueblo de Córgomo o Petróglifo do Bosque: