Paco Campos dá vida a Florencio nun espectáculo con poesía, música e audiovisual na Portela (Vilamartín)
O triángulo máxico florenciano que conforman as aldeas de Córgomo, Baxeles e Portela, toma protagonismo esta fin de semana na terceira xornada das Noites de Florencio que nesta ocasión se despraza á casa de Xosé Gayoso, un dos fundadores do Instituto de Estudos Valdeorreses e gran amigo de Delgado Gurriarán.
Será alí, na Aira dos Bolos de Portela, no concello de Vilamartín, onde o actor valdeorrés Paco Campos dará vida ao autor das Letras Galegas 2022 cun espectáculo de poesía, música e audiovisual, producido por Social Docs e Domingo Díaz Docampo. «Cantarenas na noite» —que é o título da obra— arranca con Campos á guitarra e unha conversa con Pepe Gayoso.
Ao longo do espectáculo, que repasa a vida e as poesías de Florencio, tamén van intervindo outras voces do arquivo sonoro de Ricardo Gurriarán. Con imaxes da comarca, rostros do exilio e da represión, inclúe cara ao final a evocación da patria de acollida, México, e mais o recoñecemento da súa terra natal.
O espectáculo, que se celebrará na Aira dos Bolos de Portela, comeza ás 23.00 horas e aproveitarase para distribuir o tríptico Ledicia de Córgomo, unha lembranza deste ano tan especial para a veciñanza da comarca