
Os que temos unha idade recordamos o día 5 como o día do aguinaldo, de cantar os reis e de pasar o día de troula cos veciños.
As mulleres rurais de Portela en Vilamartín quixeron recuperar a maxia dese día e compartir os seus cantos cas persoas da residencia de Valdegodos e cos propios veciños. En Valdegodos foi o rei Melchor quen organizou o cotarro, un rei moi especial, o historiador Antonio Castro Voces.

Logo de cantar, rir e pasar unha tarde entretida, unha merenda nunha das salas comúns da residencia de maiores serviu para achegar se cabe aínda máis o espírito de Nadal e tamén recordar as vellas tradicións.

As mulleres de Portela, veuse que quedaron con ganas de troula así que cando chegaron ao pobo pandeireta en ristre recorreron as rúas cantando as panxoliñas.
Bo día e aguinaldo!
Así comezaba a mañá do 5 de xaneiro hai xa moitos anos, era o día de gañar o aguinaldo. Iso si, se ías un pouco tarde ou llo gañabas ao tío Sesito ou a madriña dicíanche aquelo de «xa mexei!», pero ti sabias que llo gañaras.
Pola tarde collías unha pandeireta, unha botella de anís, unhas cunchas ou o que tiveras para facer algo de ruído e a cantar os reis. Se che daban algo, un sorriso e unhas grazas e se non aquel cantar: «Cantámosche os reises guedellos de cabra, cantámosche os reis e non nos das nada». E así até que se cansaban de ouvirche e che soltaban un peso.

Eran outros tempos e outras tradicións que en días como hoxe é bo recordar.