domingo 22/5/22

Actividade trepidante con moitos e variados contidos para celebrar as Letras de Florencio

Esta mañá presentábase no Centro Cultural Santa Lucía de Vilamartín as actividades que se levaran a cabo na comarca por mor das Letras de Florencio. Concertos, maratón de lectura, exposicións, obradoiros, xogos tradicionais, actos protocolarios, xantares...
somoscomarca_vilamartin_florencio_asletrasdeflorencio_actividades_presentacion_margarida_enrique_debora_elva_2022 (1)
Actividade trepidante con moitos e variados contidos para celebrar as Letras de Florencio

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez; a Concelleira de Cultura do Concello do Barco, Margarida Pizcueta; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez e Elva Delgado, familiar do homenaxeado asistiron á presentación dos actos e actividades das letras de Florencio.

A fin de semana haberá actividades infantís no concello do Barco onde as familias poden participar nos obradoiros ou contacontos. O Sábado presentaranse os gañadores dos concursos educativos realizados nos colexios tanto do Virxe do Camiño de Rubiá como do instituto Cosme López da Rúa. O luns pola tarde concerto de Sr.Jingles, da Cultura galega e  cea para recibir aos familiares que se aloxarán na Portela. Elva Delgado indicou que a casa xa está preparada e  que «toda a familia está moi emocionada. Queremos aproveitar a presenza das autoridades e dos membros da Real Academia e a directiva do Consello da Cultura Galega para darlle a benvida a familia como se merece».

somoscomarca_vilamartin_florencio_asletrasdeflorencio_actividades_presentacion_margarida_enrique_debora_elva_2022 (2)
Rolda de prensa gravada en streaming por Somos Comarca

O 17, será o día grande da  efeméride e celebración. As 8:00 horas comeza no Teatro Lauro Olmo o acto oficial da Xunta. Seguirá en Córgomo a Sesión de Honra da Real Academia Galega e logo invitaranse aos que forman parte deste pleno e aos veciños de Córgomo e Vilamartín a un xantar informal polas rúas engalanadas da vila natal de Florencio.

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, salientou a gran cantidade de propostas que se achegaron ao Concello que el preside. Ademais de agradecer a resposta da xente tamén se desculpou por non poder atendelas todas.  «Houbo moita xente que nos fixo moitas propostas, e é imposible atender todo. Hai un montón de xente que ten un montón de ideas e que o final non puidemos meter todo porque a todos os sitios non damos chegado. Creo que temos que pedir desculpas a esa xente».

No mesmo senso a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez sinalou a continuidade do proxecto ao longo do tempo e que este non remata o 17. «Temos a intención  de seguir a traballar. Queda moito  por falar de Valdeorras e de Florencio e ímolo a seguir facendo. Non nos imos cansar, nin se nos vai a acabar os contidos para facelo. Pero o que si queremos agradecer e a resposta que estamos a recibir de todo Galicia a través de vídeos, cancións, fotografías, murais. Vanse a facer actividades en todo Galicia. Estamos desbordados recibindo información de todos lados». «Agradecer a cada un dos centros educativos e institucións que se dirixe a nos para pedirnos colaboración, porque  aínda que iso supoña un esforzo e un traballo máis, responde a que están levando a Florencio por todas as esquinas», expresou.

Cidades coma Dublín, Sao Paolo, O Algarve, Barcelona fixeron chegar á fundación os traballos e actividades que se están a realizar sobre Florencio

Margarida Pizcueta pechou a presentación convidando a toda a veciñanza que viva este feito histórico e «seguramente irrepetible, creo que vai ser difícil conseguir un evento destas características e destas magnitudes», resaltou.

«Valdeorras será o 17 de maio a capital da cultura e desa Galicia infinda, polo tanto animar a toda a veciñanza a que o viva a que participe e que Valdeorras estea en pleno na rúa e nos actos participando e desfrutando».

Unha semana chea de actos e actividades con moitos e variados contidos os que hai que engadir os xa inaugurados  como: a Festa das Letras, as exposición de Vilamartín e O Barco, ou os roteiros educativos.

«Isto non se acaba o 17, e esperamos, a través da fundación, seguir poñendo a Valdeorras no mapa cultural como seguimos con este recoñecemento para Florencio », concluíu Pizcueta.

Actividade trepidante con moitos e variados contidos para celebrar as Letras de Florencio