A mina romana da Pala situada no lugar de Valdegodos, en Vilamartín de Valdeorras, foi a primeira parada do roteiro arqueolóxico "Un domingo con Florencio" guiado por José Fernández, presidente da sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Valdeorreses a pasada fin de semana.
Segundo explicou Fernández: «É moi interesante porque ten a roca moi cerquiña do fondo do barro. Están os aluvións —estratos de barro con canto rodado— pero, moi cerquiña da base está a roca e, o ouro, foi decantando. Con pouco desmonte de terra como en médulas, chegaron onde se depositou o ouro por encima da roca nai. Son sitios con moito ouro e pouco traballo para extracción». Contemplaron as muradellas onde sacaban as pedras para poder lavar o ouro. «Para batear teñen que quitar as pedras que veñen no terreo» subliña.

José Fernández coñecido polo alcume de Pepe das Pedras e, gran amante da mineraloxía, conta con unha colección de minerais máis que considerable, por riba dos 5000, digna dun museo. Mostroulle aos asistentes unha peza arsenopirita —arseniuro de ferro e níquel— «Non hai mina de ouro que non teña arsenopirita», asegurou. Explicou que a descomposición da arsenopirita, a pirita e a marcasita, tinguen o terreo de vermello cando se descompoñen, é por iso a cor alaranxada das Médulas». Asemade mostrou o mineral de cuarzo tamén ligado ao ouro.

No seguinte vídeo que nos cederon desde o Concello de Vilamartín móstrase a explicación que dá da arsenopirita e máis do petróglifo.
Petróglifos, un cachiño de historia con moito percorrido desde a Idade do Bronce
Coa visita ao petróglifo feito en conglomerado rematou o roteiro. «O conglomerado e unha rocha do Terciario, unha especie de formigón natural de área e gravilla de río con óxido de ferro», apunta Fernández. Onde están os Petróglifos do Bosque hai unhas pedras que faltan que levaron os canteiros para facer igrexas e pazos. «Nótanse as cuñas dos canteiros; como quitaron aqueles bloques; como aprenderon. Nos dous primeiros bloques rompéronlle, non foron capaces de quitalos. Nos dous seguintes fixéronlle coma unha maseira picaron ao redor e logo quitaron o bloque un saíulle e o outro aínda está alí porque non puideron quítalo. É unha escola de canteiros», explica coma si estivera alí mesmo.
«Onde os canteiros non quitaron os bloques na Idade Media vese o petróglifo da Idade do Bronce. É un lugar con moita enerxía e moitas forzas telúricas. Son lugares moi especiais», resalta.
Se queres escoitar a conversa completa con Pepe Fernández preme na seguinte ligazón: