
O espírito do Entroido xa se respira con forza en toda a comarca, e en Vilamartín de Valdeorras non é unha excepción. O folión Os Viticultores está inmerso nos preparativos para a gran cita do sábado 17 de febreiro, unha data marcada en vermello no calendario festivo da zona. Cúmprese unha década desde a súa creación e para celebralo organizan un gran desfile de folións, seguido da sexta edición da Festa das Sopas de Allo.

Para coñecer máis detalles sobre esta celebración, no estudo de Radio Valdeorras recibimos a visita da presidenta do folión, Begoña Vega, do vicepresidente, Juan Pérez, e de un dos membros da agrupación, José Francisco López, máis coñecido como Quiqui. Durante a conversa, destacaron o entusiasmo e a implicación de toda a veciñanza na organización do evento. «O noso obxectivo é manter viva esta tradición e seguir medrando cada ano», asegurou Begoña Vega.

O folión de Vilamartín: esencia e tradición
Os Viticultores levan anos marcando o compás do Entroido en Valdeorras, cunha proposta que combina a forza da percusión co espírito festivo e a identidade. Segundo explicou a presidenta, «traballamos todo o ano para que o noso folión sexa un referente na comarca e para transmitir esta paixón ás novas xeracións».

No folión ademais de facer soar o seu ritmo característicos teñen dúas figuras. Os Garnachos, unha especie de «boteiros» cuxa función é «manter a orde nos desfiles, que a xente non se acerca aos bombos, e se poida lucir no folión».

A filla de Juan, Lucía, con tan só dous aniños xa andaba entre medio de bombos e aixadas. «Era ver o fulión e metíase nos bombos. Dábanos medo, porque era tan pequeniña, que tiñamos medo darlle cos bombos e despois xa, con tres aniños, foi cando entrou a tocar», subliña Begoña.

A gran cita do Entroido
O sábado 22 de febreiro será unha xornada intensa para Os Viticultores. Desde primeiras horas da tarde, as rúas de Vilamartín encheranse de ritmo e cor, coa participación de diversos folións da comarca e doutros puntos de Galicia. Quiqui destacou a importancia desta xornada: «Non só é unha festa, senón un punto de encontro entre folións, unha maneira de compartir tradicións e amizade».
A medida que se achega a data, a ilusión e o traballo da organización faise notar. Todo está listo para que Vilamartín vibre ao son dos bombos e aixadas, mantendo viva a esencia do Entroido valdeorrés.
Un programa cargado de actividades
Os actos darán comezo ás 11 da mañá na Praza José Luis Núñez de Vilamartín, coa lectura do pregón a cargo de Marina, do Folión de Tameirón, e Concha, do Folión de Carracedo da Serra. Comoo anterior ano, serán os máis pequenos os encargados de pedir o permiso para tocar, recitando versos que marcan o inicio oficial da festa.

A partir dese momento, os bombos e aixadas encherán as rúas de Vilamartín coa forza e enerxía dos folións. Este ano, ademais de Os Viticultores, participarán no desfile os grupos de Carracedo da Serra, Tameirón, Petín, Chandrexa de Queixa, O Fiadeiro de Trives, O Irrio de Castro Caldelas, o Folión de Sobrado de Trives e O Can de San Roque de Vilardevós.
A Festa das Sopas de Allo
Unha vez rematado o desfile, ás 14:30, dará comezo no pavillón do Bañadoiro a tan esperada Festa das Sopas de Allo, que chega á súa sexta edición. As entradas para a comida están dispoñibles ata o 14 de febreiro en diferentes establecementos: Bar Acuarela e Peluquería Duar en Vilamartín, a gasolineira de Veigamuiños no Barco e Dixital Foto na Rúa. O prezo é de 15 euros, sendo gratis para os menores de cinco anos. Ademais, cada entrada inclúje a participación no sorteo dunha cesta de embutidos.
O menú do evento é un auténtico festín gastronómico. Ademais das tradicionais sopas de allo, servirán patacas fritas, aceitunas, ovos á galega, orella e morro á galega, chourizos cocidos, empanada, bica, café e licores. Unha oferta ampla que garante que ninguén quedará con fame.
O esforzo da organización
Desde Os Viticultores, organizadores do evento, agradecen a colaboración de moitos implicados, dende os establecementos colaboradores ata o propio Concello de Vilamartín, a Protección Civil e, por suposto, todos aqueles que mercan entradas e participan na festa.

O Folión Os Viticultores, ademais do evento en Vilamartín, continuará a súa andaina participando noutras xuntanzas ao longo do mes. Estarán en Carracedo da Serra o 14 de febreiro, en Vilamartín os días 14, 20 e 27 de febreiro, na Rúa cos amigos de Petín o 28 de febreiro, en Chandrexa o 1 de marzo, en Rubiá o 2 de marzo e no Barco o 3 de marzo.
O latexo do folión
Begoña Vega, presidenta do Folión Os Viticultores, lembra con emoción como comezou esta aventura hai dez anos. Criada no mundo dos folións, decidiu traer esta tradición a Vilamartín, converténdoa nunha referencia na comarca. Hoxe, o folión non só representa unha festa, senón unha forma de vida para os seus integrantes, que atopan no son dos bombos e no ritmo da xente unha conexión inigualable.

A paixón polo folión e o esforzo organizativo fan posible que cada ano esta festa medre e se consolide como un dos eventos imprescindibles do Entroido en Valdeorras. Entre o estrondo dos bombos e o aroma das sopas de allo, Vilamartín prepárase para vivir unha xornada inesquecible.
