martes. 06.12.2022

Os bombos soaron polas rúas de Vilamartín despois de dous anos

Oito folións déronse cita na tarde do 19 de febreiro en Vilamartín, na xuntanza organizada polos Viticultores.

A asociación Os Viticultores de Vilamartín organizou, despois de dous anos de parón por mor da pandemia, unha nova Xuntanza de folións na vila valdeorresa.

Foron oito os folións e asociacións participantes no acto que comezou pasadas as catro e media da tarde na Praza da Rodeleira. Desde o cruceiro da Rodeleira até a praza José Luís Núñez, facendo parada no Bar Santos para repor forzas, os folións, uns tras os outros foron enchendo ás rúas cos diferentes toques.

Os primeiros en sáir foron os anfitrións, Os Viticultores. Detrás os do Irrio de Caldelas e logo  Os Labregos de Trives. Tamén de Trives fixeron acto de presenza os de Carracedo da Serra (A Gudiña) que se fixeron acompañar por dous boteiros e medio y é que Mael ten só catro aniños e ademais de tocar o bombo tamén é boteiro.

Xuntanza de folións en Vilamartín 2022 (25)
Mael, un boteiro de catro aniños de Carracedo da Serra

As Maceiras, tamén de Trives, ao igual que Lardeira e A Caniceira que cerraron a xuntanza, non quixeron perder a cita. Os Arrieros de Petín co touro animaron moito o cotarro.

Ao finalizar, Somos Comarca poido falar con Begoña Vega dos Viticultores quen expresou a súa ledicia por volver facer esta quedada. «Xuntaremos todos na praza cada folión dun lado por culpa do covid, gardando as medidas e pasalo ben dentro do que hai». «Había moitas ganas, levamos dous anos sen tocar».

Mañá a cita será na Pobra de Trives, nunha xuntanza organizada polos Labregos que pretende encher toda a vila co son dos folións. Recordar ca fin de semana esta cita tivo lugar en Petín.

Os bombos soaron polas rúas de Vilamartín despois de dous anos