Córgomo Arte abriu as súas portas este 7 de decembro ás 17:00 con “Fendas” até o vindeiro 5 de xaneiro. Poderase acudir sábados e domingos de 10:00 a 22:00. Esta unha exposición, que cumpre 12 anos, vai máis alá do artístico para converterse nun faro de esperanza. Neste ano especialmente desafiante, os artistas uníronse para explorar a capacidade transformadora da arte, nunha edición que busca "fender a escuridade" e permitir que a luz entre en tempos de incerteza.
Un dos momentos máis emocionantes desta edición foi o regreso de Sabela Arias Castro, a artista convidada. Tras un ano persoalmente complicado, Sabela sorprendeu con obras cargadas de emoción e introspección. As súas creacións, como “Espeleoloxía persoal” e “Iluminacións”, son unha reflexión profunda sobre a capacidade humana para atopar beleza e sentido mesmo nas situacións máis difíciles.

Tal como describe a propia artista, estas pezas exploran como certos acontecementos nos levan a redescubrir o noso interior e a transformar o sufrimento en creación. Como ela mesma relata: «É un orgullo e unha sorpresa. Hai que gozar estes pequenos agasallos que da a vida».
A artista espera que este espazo se converta en una zona para «entender o que sentimos en cada momento, este ano foi moi intenso en sentimentos». Desta maneira espera que a xente comprenda mellor ese proceso polo que tivo que pasar no último ano.
A arte como Fenda cara á luz
Baixo a comisaría de Silvia Fiallega Lorenzo, “Fendas” propón unha narrativa de renacemento. A exposición reúne artistas como Roberto Álvarez, Noé Blanco, Manuel Conde, Arturo Ceide, Elías González, Mauro Leivas, Victorino Núñez "Torino", os que interpretan a temática das fendas como un espazo para a esperanza, o pensamento crítico e a reconexión coa natureza e cos valores humanos. As obras presentadas, que inclúen escultura, pintura e instalacións, dialogan entre si para crear un espazo de reflexión sobre o noso papel nun mundo que precisa reequilibrarse.
Unha comunidade ao servizo da arte
Córgomo Arte é moito máis que unha exposición; é un movemento cultural que involucra á comunidade local e que conecta co público visitante dun xeito profundo. Este ano, o evento destacou pola súa calidez e pola súa capacidade para inspirar tanto aos asistentes como aos propios artistas.
Se algo nos ensinou esta edición é que a arte, ademais de ser un reflexo da alma, é unha poderosa ferramenta para abrir novas portas. Córgomo convértese así nun refuxio para todos os que buscan un alento e unha chamada a crear, crer e cambiar.