
Este luns, 14 de marzo, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o Centro de Saúde de Vilamartín para supervisar as melloras de eficiencia enerxética e renovación da carpintería metálica, tras a caída do falso teito no mes de setembro.
As actuacións contan cun orzamento de 43.000 euros no que se incluíron o cambio de luminarias e a climatización. Alén destacou que desde a Xunta van seguir incidindo na renovación de infraestruturas sanitarias como as que se están a realizar nos tres hospitais da provincia.
«Tamén, recoñecer a importancia do capital humano e lembrar que nos próximos días está prevista a publicación a convocatoria de prazas de enfermería. Desexando e solicitando que se nos permita convocar todas esas prazas para cubrir esas vacantes existentes», afirmaba o delegado.
Pola súa banda, Enrique Álvarez aproveitou a ocasión para comunicarlle «a necesidade dunha invesión de urxencia para as Covas de Vilamartín por mor do fibrocemento e por poñer en valor esa zona que é tan importante para nos».