Sentar a conversar con Berna Guitián, xerente de Adega Guitián e Blanco, é entrar nun universo onde a tradición, a familia e a terra se entrelazan coma as raíces das súas cepas centenarias. No estudio, coa calma sóbria dos que traballan coa natureza, Berna fai un repaso dun ano difícil, marcado polos incendios e polas incertezas do clima. Pero, malia todo, o balance sorprende.
«Tivemos unha uva excepcional», di con orgullo contido. A chuvia que chegou no momento xusto e o mimo posto no coidado da viña permitiron que, a pesar do ano complicado, os viños de 2026 luzan calidade. Unha calidade que non é casualidade, senón herdanza. Porque os Guitián —avós, pais e agora fillos— levan toda a vida facendo o que hoxe se chama «viños de pago», pero que para eles nunca foi moda, senón manera de entender a viticultura. Viñas antigas, algunhas centenarias, situadas nun lugar privilexiado pola orientación e o sol.
Os incendios, iso si, non pasaron de longo. «Destrozáronnos preto dunha hectárea», lamenta Berna. Algúns viñedos queimaron, outros sufriron o calor aínda sen tocar as lapas. Perdas irreparables que lembran a importancia de manter o territorio limpo e coidado. Aínda así, Adega Guitián continúa producindo dende as súas 12 hectáreas propias, un patrimonio que a familia defende coma ouro en pano.
Se algo define esta bodega é o seu carácter familiar. «Estamos todos: a miña muller, os meus fillos…», comenta. Cada viño leva un nome que conta unha historia íntima: a garnacha Ele de Helena, o Sousón de Juan, o Lías Alba en homenaxe á filla. E por suposto o viño novo que leva o nome de Berna, bautizado pola súa muller, como el mesmo se apura a aclarar entre risas.
A variedade estrela é, como non, a godello, «a raíña das uvas», que hoxe vive un momento extraordinario no mercado. «Antes tiñas que ir ti a ofrecer o viño; agora chámante eles», recoñece. Madrid, Asturias, Barcelona, o País Vasco… a presenza nacional está máis que consolidada. E no exterior, Puerto Rico, Inglaterra e Francia descobren tamén un godello con identidade propia.
Pero se hai unha novidade que esperta ilusión na casa é Bebedeira, a marca creada dende as cepas máis vellas da adega. Un godello e un mencía de produción limitada, finísima, que rescata a memoria de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Córgomo, autor do poema homónimo e figura esencial na cultura galega. «É a nosa maneira de rendirlle homenaxe», explica Berna. Porque se algo sabe esta bodega é que o viño tamén é cultura, tamén é país.
En total, Adega Guitián e Blanco pon no mercado arredor de 180.000 botellas de godello e 60.000 de mencía, ademais das pequenas xoias especiais que apenas superan as dous mil unidades. “Somos unha bodega familiar. Non queremos ser máis grandes, queremos controlar todo o proceso”, insiste Berna, definindo así a súa filosofía con claridade.
Para quen queira degustar os seus viños na comarca, pódense atopar na propia bodega de Córgomo, en locais como A Horta de Fina e Mar ou o Bar San Roque, ademais de numerosos restaurantes que apostan pola calidade da casa.
Ao despedirse, Berna deixa unha mensaxe que resume o espírito da adega: un agradecemento aos clientes, aos que aínda non o son e aos que chegarán polo mellor xeito posible: «o boca a boca», esa recomendación que nace da copa compartida, da confianza e do gusto sincero.
En Córgomo, entre montaña, poesía e viñedo, a familia Guitián segue facendo país copa a copa. E este Nadal, como ao longo de todo o ano, brindar cun d´Berna é brindar polo que somos: terra, lembranza e futuro.
Se queres escoitar a entrevista completa, está na seguinte ligazón:


