domingo. 29.06.2025

Córgomo celebrou o San Xoán con sabor, música e moita retranca

A Praza dos Bolos volveu encherse de vida, de risas e de cheiro a sardiña asada, que se mesturaba co son das gaitas e co sabor do viño da terra
somoscomarca_vilamartin_corgomo_sanxoan1987
somoscomarca_vilamartin_corgomo_sanxoan1987

O San Xoán en Córgomo non falla, e este ano non foi menos: sardiñas, panceta, empanada, bica e viño fixeron da Praza dos Bolos o mellor lugar para estar unha tarde de festa. Veciños, amigos e algún que outro curioso achegáronse a compartir mesa, risa e tradición ao son das gaitas.

somoscomarca_vilamartin_corgomo_sanxoan1988

A cousa comezou con calor, e non pouca. Os que estaban á grella, asando as sardiñas, suaron coma se estivesen no inferno, pero fixérono con humor e sen perder o ritmo. Iso si, cando a noite comezou a caer e chegou ese fresquiño que tanto caracteriza a Córgomo —ese que vén do alto e que se coa entre os ríos Farelos e Leira—, todo empezou a saber aínda mellor.

somoscomarca_vilamartin_corgomo_sanxoan1992

E falemos do arrecendo: as sardiñas cheiraban tan ben, que ata a pintura mural de Florencio Delgado Gurriarán, que vixía desde preto da praza, parecía que estaba a mirar para elas con fame. Seguro que se puidese, baixaba do muro cun pan debaixo do brazo.

somoscomarca_vilamartin_corgomo_sanxoan1991

Unha vez satisfeitos de empanada, panceta, sardiñas e viño —que corría a grolos coma se fose festa, porque o era—, tocaba baixar a comida. E que mellor maneira que cunha boa muiñeira, zapateando ao ritmo das gaitas, que puxeron a todo o mundo a bailar, desde os máis cativos ata os máis veteranos.

somoscomarca_vilamartin_corgomo_sanxoan1990

Cando a noite estivo ben entrada, a casa do pobo iluminouse coma se fose Vigo no Nadal, e non lle faltou quen fixera a broma de que “só faltaba Abel Caballero para premer o botón”.

somoscomarca_vilamartin_corgomo_sanxoan1985

En resumo: quen estivo no San Xoán de Córgomo pasouno en grande. Boa comida, mellor ambiente e música para queimar todo o anterior. Así dá gusto celebrar as tradicións. Ata o ano que vén!

somoscomarca_vilamartin_corgomo_sanxoan1989

 

Córgomo celebrou o San Xoán con sabor, música e moita retranca