Esta semana é a derradeira no que se refire ao I Premio de Poesía Florencio D. Gurriarán porque a finais de semana farase público o nome do gañador ou gañadora e dos finalistas do concurso. O fallo do xurado virá dentro duns actos programados para o sábado, pero dende a organización do evento anuncian máis actividades. En primeiro lugar, retomáronse xa as exposicións sobre Florencio feitas polos nenos e nenas dos centros da comarca de Valdeorras, que o curso pasado suspendíanse por mor das treboadas das últimas semanas de xuño. Esta semana estará exposta no CEIP Julio Gurriarán e pouco a pouco percorrerá tódolos centros dos concellos do Barco, Rubiá e A Veiga.
Outra das actividades que realizarán con motivo do fallo do I Premio de Poesía, vai dirixida esta semana aos máis maiores, e que segue a tendencia de ofrecer aos homes e mulleres que se atopan nos centros de anciáns, actividades musicais e de teatro. Contan para elo «coa colaboración do actor Anxo Baranga, que recitará textos da literatura galega, xunto a Rober Fernández que porá música a moitos deles». Así o explicaba Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, que está a impulsar o nome deste escritor valdeorrés coma candidato a recibir o premio das Letras Galegas.
Ademáis de percorrer as residencias de anciáns dos concellos de Rubiá e Vilamartín cun espectáculo aberto a todo o público que queira achegarse, As Letras de Florencio xa ten programados os actos oficiáis do sábado, que darán comezo ás 13:00 horas en Córgomo, Vilamartín, lugar onde se darán a coñecer os finalistas do premio. Ás 21:00 horas, xa no Centro Cultural Avenida da Rúa, terá lugar a Gala do Premio dirixida polas poetisas María Lado e Lucía Aldao, onde tamén se fará entrega dos galardóns aos finalistas e gañador do concurso.
O domingo a partires das 12:30 horas, en Petín, terá lugar a exposición do biógrafo de Florencio D. Gurriarán «Bebedeira de ensoños», e seguidamente as poetisas María Lado e Lucía Aldao guiarán un combate poético co colectivo Poetas da Hostia, esta vez formado por Xabier Xil Xardón, Daniel Landesa e Silvia Penas, acompañados da música de Mig Seoane. A continuación os bares e cafeterías de Petín ofrecerán unha sesión vermú con petiscos e aperitivos.