Os veciños de Baxeles, en Vilamartín de Valdeorras, están máis indignados que asustados tralo atraco que sufríu un veciño da localidade na súa vivenda o pasado luns 8 de agosto. Os atracadores, catro persoas, leváronse 40.000€ en xoias e cartos da casa de Leopoldo R. R. de 75 anos, despois de amordazar á súa asistenta e golpealo a el na cabeza. Que no pobo non están preocupados asegúrao Darío Losada, un veciño que onte, como o resto desta pequena aldea de pouco máis de vinte veciños, trasmitía o seu apoio ó veciño: «Poldo é un home moi querido, ninguén imaxinaba que algo así poidera suceder aquí, Baxeles é un pobo tranquilo, este atraco foi unha excepción e non estamos preocupados, estamos sorprendidos e moi indignados, claro» comentaba Losada, quen viviu en Baxeles durante trinta anos e agora vai cada día a visitar ós seus pais.
A vítima do atraco é un emigrante retornado que desenvolveu a súa carreira profesional en Alemaña, traballando na industria nuclear. Un día despois do asalto, e cando o home xa descansa na súa vivenda despois de ser recoñecido no Hospital de Valdeorras, os veciños continuaban impactados pola violencia e eficacia do atraco.
Darío Losada visita cada día ós seus pais en Baxeles
Darío Losada, quen asegura non ter visto nada como o resto dos veciños, comentaba que os atracadores «sabían ó que viñan e cando tiñan que vir» xa que o roubo produciuse arredor das tres da tarde, cando a calor mantén as rúas baleiras. Tamén se dá a circunstancia de que nin as fillas nin os netos do agredido estaban nese momento na casa, xa que soen pasar tempadas en Baxeles no verán. «Este é o típico pobo onde as casas están sempre abertas e non creo que iso vaia cambiar» aseguraba Losada, para engadir que os atracadores «sabían o que había na casa e agora non creo que volvan por aquí».