Éxito da cobertura electoral con cinco horas de TV web en directo VÍDEO
Retransmisión en directo da xornada electoral dende os estudios de RADIO VALDEORRAS - Onda Cero cun equipo de máis de doce persoas entre xornalistas, produción, técnicos e analistas.
A do pasado domingo foi unha xornada electoral moi especial para SOMOS COMARCA. Por vez primeira en Valdeorras retransmitíronse os resultados electorais en directo cun programa especial de Televisión Web de máis de cinco horas dende os estudios de Radio Valdeorras - Onda Cero. Con dúas conexións, as 14.30 e as 20.30, no programa fóronse ofrecendo os resultados en canto se pechaba o reconto electoral das mesas.
Tratouse dunha experiencia pioneira no xornalismo comarcal e a retransmisión foi seguida dende moitos puntos de España e do mundo, chegando mensaxes dende Madrid, A Coruña, Vigo, Astorga, Nova York, París, etcétera. «Eu alucinei cando uns amigo me mandaron unha foto dende Coruña, estábanno vendo no móbil mentras seguían os resultados nacionais na tele» conta Cristina de la Torre. A xornalista valdeorresa fai un balance moi positivo da xornada: «Tivemos algúns faios técnicos e momentos nos que nos abrumaba a chegada de datos, pero creo que demostramos que a información máis próxima interesa e moito».
Unha das cousas que destacou De la Torre foi o ambiente que se vivía no estudio: «A enerxía era brutal, isto é xornalismo vivo, en conexión directa co público e cos protagonistas, Internet facilita isto e temos que aproveitalo para poñer a Valdeorras no mapa da comunicación e o relato dixital».