A Xunta encara a recta final da retirada de arrastres no pontón da OU-533 en Viana do Bolo
A Xunta de Galicia avanza na recta final dos traballos de retirada do material arrastrado polas choivas no pontón situado na estrada OU-533, no concello de Viana do Bolo.
As actuacións estanse a desenvolver na contorna do regato da Canela, onde a acumulación de troncos, maleza e outros restos fixo necesaria a intervención para recuperar as condicións da zona e garantir o correcto funcionamento desta infraestrutura.
Segundo informa a administración autonómica, os labores de limpeza xa quedaron completados nun dos lados do pontón e durante os vindeiros días está previsto rematar os traballos na outra marxe.
Para desenvolver esta actuación desprazouse ata o lugar maquinaria pesada, entre ela varias retroescavadoras e camións destinados tanto á retirada dos arrastres como á clasificación e traslado do material acumulado.
Estas tarefas forman parte dos traballos realizados tras os episodios de fortes choivas que provocaron danos e acumulación de materiais en diferentes puntos da provincia de Ourense.