
A Praza Maior de Viana do Bolo converterase o 19 de abril no epicentro da música tradicional galega coa celebración do VIII Festival Medieval, unha cita que pon en valor a riqueza cultural da vila e a forza da tradición oral a través das cantareiras.
Este ano, o festival rende homenaxe á memoria de Jacinta Fernández Alonso, cantora de Lentellais (O Bolo), e ás mulleres que durante xeracións transmitiron romances, coplas e saberes populares. A programación inclúe unha ampla representación de artistas locais e comarcais, como Blandina de Cotarós, Fiuca e Digna de Trives, a Coral Candea de Viana, e agrupacións emblemáticas como os fulións e os boteiros de Viana, auténtico símbolo da identidade do municipio.
O evento contará cunha actuación especial de Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, e será presentado pola xornalista Montse Estévez. Tamén participarán a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, David Bellas, Lara Sotelo Nogueira, Rogelio de Aceveda, as cantareiras da Limia e Nadia Vázquez, entre outros.
O concelleiro de Cultura de Viana, Marcos Martínez, agradeceu o apoio institucional e subliñou que o festival é «unha forma de loitar pola cultura no noso pobo». Pola súa banda, María Jesús Movilla, presidenta da Coral Candea, destacou que esta celebración forma parte xa do «patrimonio cultural de Viana».
A iniciativa conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, que apoian un festival consolidado como referente na provincia e que poderá seguirse tamén en streaming a través da web da Deputación, facilitando que a tradición de Viana traspase fronteiras.