O PSOE vianés considera «inadmisible que o Concello rexeite a doazón do avogado Barxa»

Salón de sesións de Viana no pleno do 26 de xullo

Na mesma liña o Bloque Nacionalista Galego presentará unha moción no seguinte pleno, onde ademais pedirá que a biblioteca leve o nome do letrado

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo «rexeita e lamenta» as últimas novas sobre a posibilidade de que o concello non acepte a doazón, aprobada en pleno por unanimidade, da biblioteca do avogado, escritor e intelectual, Nemesio Barxa Álvarez. Os socialistas consideran «inadmisible a actitude do rexedor e do seu equipo de goberno, que leva días sen contestar as chamadas de Barxa para a entrega de 2.000 volumes dos 7.000 totais que pretende entregar a biblioteca municipal».

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que nos últimos días, Nemesio Barxa «tentou pórse en contacto co alcalde de Viana para facer entrega de novos exemplares da súa colección, pero ata o de agora non recibiu resposta».

Ante esta situación, o edil socialista considera «inadmisible o deixamento do rexedor» e insta ao goberno municipal do Partido Popular a que «non cometa o error de non aceptar a doazón, tal e coma se comprometeu o pleno municipal no seu momento».

«Os socialistas de Viana do Bolo agradecemos a Nemesio Barxa esta mostra de agarimo e tódalas manifestacións que ten feito, amosando o seu amor por Viana», afirma García-Ávila Arias. O voceiro do PSdeG-PSOE vianés tamén subliña neste senso que «non é doado atopar un xesto de maior amor a un pobo que consideralo seu e non hai mellor maneira de amosalo que legar o seu tesouro literario amasado ao longo dunha vida».

O avogado Nemesio Barxa centra a moción do BNG no próximo pleno vianés

O próximo pleno de Viana do Bolo contará cunha moción do Bloque Nacionalista Galego centrada no avogado Nemesio Barxa. O voceiro nacionalista, Secundino Fernández, solicitará aceptar de novo a doazón da biblioteca de Barxa, segundo os acordos establecidos no pleno do 16 de novembro de 2017. 

A maiores tamén pedirá establecer contacto «urxente» co letrado para que poda entregar os libros que considere de acordo coas súas instrucións. Así mesmo, solicitará en dito pleno que a biblioteca de Viana do Bolo leve o nome de Nemesio Barxa «como homenaxe e acto de agradecemento a este insigne vianés, exemplo de amor a súa terra de nacemento». 

Segundo explican dende o BNG, «como vianés orgulloso de selo ofreceulle ao concello, cando ostentaba a alcaldía de Viana do Bolo Secundino Fernández Fernández, a posibilidade de recibir en doazón a súa biblioteca».

Na moción o voceiro asegura que lles sorprendeu cando «soubemos da falla de resposta do goberno do PP e concretamente do alcalde, Andrés Montesinos, no referente a ir encargándose dos libros. Nemesio pretendía entregar 2500 libros e non tivo resposta». 

É necesario destacar que Nemesio Barxa naceu en Caldesiños, fillo de mestres destinados en Viana do Bolo. Durante seis anos viviu no municipio, ata que os seus pais obtiveron unha praza en Ourense. 

A súa carreira é extensa. Licenciado en dereito pola Universidade de Salamanca e como Graduado Social na Universidade de Santiago de Compostela. Membro fundador do Consello da Avogacía Galega, tamén pertence á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

Foi co-fundador da Agrupación Cultural Auriense. É presidente da Irmandade de Viños Galegos, tamén escollido como candidato ao Tribunal Constitucional polo Parlamento Galego en 2008.