
Carlos Núñez xa espera con ilusión poder subirse este sábado ó escenario de Viana do Bolo para presentar o seu último concerto, enmarcado dentro da súa xira "Lugares máxicos", que está levando o gaiteiro a lugares con valor histórico ou patrimonial tanto en España coma doutros países.
Despois do seu paso por Inglaterra, Viana é a seguinte parada: ás 21:00 horas, no recinto da Piscina Municipal de Viana do Bolo, sen dúbida, unha oportunidade única para desfrutar da música celta.

"Teremos unha selección de gaiteiros de toda Viana que estarán connosco esa noite e tamén teremos un folión, que é algo super específico desta zona e que non fai ninguén como se fai aquí, en Viana e haberá música acompañando o folión", sostivo o gaiteiro máis internacional, nunha entrevista concedida a Somos Comarca, na que avanzou algunhas das sorpresas que se poderán ver durante a actuación.

Non rematan ahí as novidades, xa que o músico confirmou que se escoitará algún tema do disco Irmandades das estrelas, que o ano pasado celebrou o seu 25 aniversario.
"Faremos un percorrido polas aventuras dos últimos anos, desde o primeiro ao último disco", no que participaron artistas coma Rozalén, Tanxugueiras". Ademáis haberá "instrumentos medievais do Pórtico da Gloria, do século XII, recén reconstruidos" e música de Beethoven, autor de "case duascentas composicións" de música celta.

"Podemos dicir que Viana do Bolo será este sábado o centro do mundo celta", apuntou Carlos Núñez, quen trasladou a súa ilusión por ofrecer un concerto "único" no que a xente poderá desfrutar comodamente da música.
Para o gaiteiro, o futuro pasa por este tipo de concertos, en "lugares máxicos" como Viana tal e como fixeran nas súas xiras americanas. Alí chegou a actuar nunha bodega de California, ó lado da casa de Michael Jackson. En definitiva, unha "experiencia" onde a xente poderá mergullarse e desfrutar de lugares interesantes.

Maís aló do concerto, a relación de Núñez con Viana non é nova. Previamente, estivo coñecendo o entroido nesta localidade e que supuxo para él toda unha sorpresa. "Coñecía Viana, pero de paso, foi unha marabilla poder visitala polo entroido, ver como a xente o vive con esa paixón", comentou o gaiteiro, quen reivindicou ese "orgullo por esas tradicións. É unha auténtica xoia". De feito, non se queda ahí e cree que é o entroido de Viana "é digno de recoñecemento internacional".

Polo momento, a meses de celebrarse o entroido, os veciños poden desfrutar este sábado dun concerto de Carlos Núñez. Neste momento, as entradas están prácticamente vendidas aínda que o consistorio estuda a posibilidade de ampliar o espazo.
Se queres escoitar a conversa con Carlos Núñez nen Radio Valdeorras Onda Cero, preme a seguinte ligazón: