jueves. 12.06.2025

A Xunta premia o traballo do Xermán Ancochea de Trives no concurso do Día Contra a Violencia de Xénero

O alumnado de primeiro de bacharelato acadou este recoñecemento pola orixinalidade e calidade ao representar o xogo da oca con iconas feministas
portada_somoscomarca_iesxermanancochea_premiados_concursodiamuller

A Consellería de Política Social e Igualdade fallou os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado polo 25-N, Día internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller. O alumnado de 1º de Bacharelato do instituto Xermán Ancochea da Pobra de Trives vén de gañar o terceiro premio polo traballo ‘Xoga a Oca Feminista’, realizado polo alumnado de TIC's — Tecnoloxías da información e comunicación—.

Trátase dunha imaxe dixital que representa o xogo da oca con iconas feministas realizada por cinco alumnas e un alumno. A coordinadora do traballo foi Judith González Castro, profesora  de Tecnoloxías da información e comunicación no instituto trivés.

somoscomarca_20241123_trives_xermámancochea_premiodiadamuller (2)
O cartel gañador do IES Xermán Ancochea

A iniciativa que acabou gañando este premio valórase «moi positivamente», por parte do centro de ensino, «porque trata de sensibilizar ao alumnado do papel da muller na historia e na actualidade. E facelo como o fixeron con un xogo, permite a futuras alumnas achegarse á temática dun modo ameno e lúdico».

Ademais explican que: «Non había terceiro premio pero decidiron premiar o traballo como un accésit pola orixinalidade e calidade». Non ocultan a alegría e satisfacción que supón para esta comunidade educativa conseguir este galardón, unha recompensa á creatividade e aos valores en feminino.  «E ben orgullos e orgullosas que estamos do alumnado», recalcan.

somoscomarca_20241123_trives_xermámancochea_premiodiadamuller (1)
O Grupo fotografado diante do seu cartel e dos outros gañadores

Os outros premiados

No certame foi gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica unha alumna de 2º da ESO do IES do Milladoiro, no concello de Ames, polo seu traballo ‘Ti eres quen de axudala, non apartes a mirada’. Mentres, o segundo premio recaeu noutra rapaza de 1º da ESO do Colexio Plurilingüe A Purísima de Ourense, pola súa proposta ‘Nin unha máis #acabouse’.

Na 2ª categoría de cartel resultou premiada unha alumna de 3º de ESO do CPR Plurilingüe Alba de Vigo, que presentou o traballo ‘Non estás soa, xuntos lograremos o cambio’. Por outra banda, o segundo premio foi para outra alumna, neste caso de 4ª da ESO do Colexio Sagrado Corazón de Xesús de Ribadeo que realizou o cartel ‘Saír á rúa non debe dar medo’. Por último, nesta categoría outorgouse un accésit que recaeu nun alumno do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives, que presentou o traballo ‘Xoga á Oca feminista’.

Na primeira categoría da modalidade audiovisual, recibiu o primeiro premio unha obra presentada por un grupo de alumnos de 6º de Primaria do CEIP do Couto de Ourense, que leva por título ‘Nós somos feministas, e ti?’. En canto á segunda categoría da modalidade audiovisual, o primeiro premio foi para a peza ‘No efecto dominó da violencia machista, eliminemos a ficha’ realizado por un grupo de alumnos e alumnas do 2º Ciclo Superior de Administración e Finanzas e de 2º de Bacharelato do IES Fernando Blanco de Cee. Mentres, o segundo premio foi para o IES de Soutomaior. Neste caso, foi para un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato que deseñaron a peza ‘A violencia non é un conto’.

somoscomarca_20241123_trives_xermámancochea_premiodiadamuller_otrospremiado (1)
Foto de familia dos premiados

Xurado e entrega de premios

O xurado estivo composto por representantes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, tiveron en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación desta aos obxectivos que se promoven de prevención, detección precoz e intervención. Tamén atenderon á calidade técnica, orixinalidade e creatividade das iniciativas e mesmo á participación activa do alumnado.

A entrega de premios terá lugar días antes do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. Concretamente, o próximo 21 de novembro en Santiago de Compostela. Todos os galardoados, ben a título individual como colectivo, recibirán cheques regalo para investir no comercio local e os centros representados, cadanseus lotes de libros.

somoscomarca_20241123_trives_xermámancochea_premiodiadamuller_otrospremiado (2)
Os do Xermán Ancochea sosteñen cheos de orgullo a súa obra

A Xunta premia o traballo do Xermán Ancochea de Trives no concurso do Día Contra a...