martes. 21.03.2023

Mañá sábado 17 de novembro, dende o Concello do Barco propoñen unha interesante camiñada. Nesta ocasión, a ruta será a dos sequeiros e a ponte Navea, situada en Trives. O horario previsto de comezo será ás 9:30 horas desde a aldea de Pena Folenche e rematará nese mesmo punto sobre as 13:30 horas. A ruta circular será duns 6 km aproximadamente.

O obxectivo principal desta actividade é amosar a cultura ancestral aglutinada ao redor do aproveitamento da castaña, e os sequeiros son o lugar idóneo, xa que mostran dun xeito moi claro a antiga tradición do secado das castañas. A aldea de Pena Folenche, próxima a Pobra de Trives, reúne un dos mellores conxuntos destas singulares construcións. Ao deixar atrás as últimas casas da aldea contémplase unha fermosa paraxe, coas fragas dos ríos Navea e Bibei no horizonte.

Unha vez pasada a aldea composta de sequeiros, chegarase á ponte do Navea, unha obra medieval sobre unha anterior romana, que se atopa no paso da Vía Nova que unía Braga e Astorga.

O roteiro será guiado por persoal da Oficina de Turismo do Concello de Trives e tamén contará coas explicacións do arqueólogo Santiago Ferrer, especialista na romanización. Como en todas as Camiñadas Culturais non é preciso inscribirse, é unha actividade gratuíta, pode participar quen o desexe sempre e cando estea no punto de partida a hora da saída.

Unha camiñada con moito patrimonio polos Sequeiros de Pena Folenche