San Xoán de Río estrea unha remodelada base aérea contra incendios

San Xoán de Río estrea unha remodelada base aérea contra incendios.
«Está preparada para catro helicópteros traballando de xeito simultáneo para atallar os lumes de novas xeracións», explicaba o alcalde, Xosé Miguel Pérez

San Xoán de Río recibiu hoxe á conselleira de Medio Rural, María José Gómez; ao director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; e ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Alí reuníronse co alcalde do municipio, Xosé Miguel Pérez, para realizar a visita pola base de medios aéreos contra incendios, que vén de ser remodelada. 

«Foi unha visita moi positiva que o cambia todo. Esta base xunta a 30 traballadores directos e está preparada para catro helicópteros traballando de xeito simultáneo para atallar os lumes de novas xeracións», indicou o alcalde. «Pasamos dunha base con moi malas condicións a unha totalmente remodelada, e podemos dicir que é a mellor de Galicia polo momento».

A remodelación supuxo un investimento de 1,2 millóns de euros, «polo que queremos agradecer á Xunta esta base». O espazo está situado no coñecido como «Alto do Cerredo, a 2 km da capitalidade, en dirección Quiroga. É o lugar idóneo para este tipo de iniciativas», concluía Xosé Miguel Pérez.