miércoles. 02.07.2025

Na Pobra de Trives tamén se sentiu e ouviu o folión

Na xuntanza organizada polos Labregos, na Pobra de Trives, reuníronse 12 agrupacións e folións chegados de Petín, A Veiga, Vilamartín, Vilariño de Conso, Piñeiro, Buxán, Carracedo da Serra e Manzaneda

Doce agrupacións e folións chegados desde diversos puntos da provincia e tamén da Pobra de Trives déronse cita nas rúas da Pobra de Trives para pasar un bo rato e esquecerse da pandemia. Os Arrieros de Petín e Os Viticultores de Vilamartín devolvéronlle a visita aos Labregos. Tamén se sumaron á cita os fulións de Trives, A Caniceira, As Maceiras  e Os de Piñeiro. A Veiga, Buxán, Manzaneda, Carracedo da Serra e Vilariño de Conso mandaron unha representación do seu toque.

«Este ano por tema covid vamos a partir desde o Concello e andaremos até a Praza do Reloxo pasando polo Bodegón e pola calle San Martín para evitar aglomeracións», así o confirmaba Lara do folión os Labregos, anfitrión da Xuntanza, antes de comezar o desfile. Ao remate non houbo festa como en anos anteriores, déuselle un bocadillo a cada un dos integrantes dos folións co fin de evitar as aglomeracións e logo cada un para  a súa casa.

Están sendo uns días especiais xa que os membros dos folións tiñan moitas ganas de voltar a tocar. «Tiña ganas, por suposto. Dous anos sen tocar xa hai que darlle», recalcaba Lara. Élida da Caniceira  tamén coincidía con Lara e declaraba ao respecto: «Tiñámoslle moitas ganas. Este ano estámolo tendo con restricións, pero aínda así estámolo desfrutando moito, moito». Melisa, alcaldesa de Vilariño de Conso, non quixo deixar de estar na xuntanza co Folión de Vilariño. «Hai moito ambiente. Tiñamos moitas ganas de vir despois de tanto  tempo e a verdade é que moi ben. Moita sabia nova e moito retoño, non sei se é que isto se mama ou se nace, non che sei dicir, pero aquí súmase todo o mundo».

 

Na Pobra de Trives tamén se sentiu e ouviu o folión