jueves. 28.03.2024
trives_Qdecalidade (1)
Dous recoñecementos de excelencia turística para Trives

Pobra de Trives. O Concello da Pobra de Trives ven de acadar dous recoñecementos e «gaña peso como un dos destinos de gran potencial turístico do país». A súa alcaldesa, Patricia Domínguez, recolleu o  certificado da Q de Calidade e o recoñecemento de Pobos Máxicos de España.

«O primeiro recoñecemento foi outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española, con gran prestixio no panorama nacional, e converte A Pobra de Trives, a través da súa Oficina de Turismo, no único Concello da provincia de Ourense que actualmente dispón desta distinción, que si teñen establecementos privados como restaurantes ou balnearios», apuntan desde o Concello

O nome da Pobra de Trives «resoa estes dous últimos días en Madrid, onde deu un dobre salto rumbo á excelencia turística tras recibir o certificado da Q de Calidade e debutar como un dos Pobos Máxicos de España», subliñan desde o ente municipal.

trives_pobos máxicos
Patricia Domínguez, acompañada por Miguel Sierra, Cristina Paz, Rubén Armenteros e Rosa Carballo,

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, foi a encargada de recoller este selo nunha gala organizada polo Instituto para a Calidade Turística de España, á que tamén asistiu a ministra de Turismo, Reyes Maroto. A propia ministra felicitou persoalmente a Patricia Domíguez pola obtención dunha Q que referencia a Pobra de Trives como un dos destinos turísticos máis selectos de Galicia. A gala celebrouse na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles.

«O concello resoou por partida dobre en Madrid porque ao día seguinte, so unhas horas despois de recibir a Q de Calidade, debutou como Pobo Máxico de España, neste caso no recinto de Fitur e nun stand da propia asociación Pobos Máxicos de España. Súmase así a concellos que tamén son referentes pola súa beleza como Luarca e Cangas de Onís, en Asturias, ou Comillas, en Cantabria».sinalan.

A entidade de Pobos Máxicos de España, formada por expertos en Desenvolvemento Rural e Local, historiadores, arquitectos, sociólogos, técnicos de turismo e desenvolvemento web, contribúe a revalorizar aquelas poboacións como A Pobra de Trives, que «están en coñecemento colectivo, pero que non sempre contan coa divulgación que merecen».

Estas dúas accións, impulsadas de forma paralela polo actual goberno local de Pobra de Trives, «evidencian a súa aposta por consolidar e impulsar esta localidade como destino rural, de natureza, deporte, gastronómico e monumental de alta calidade, nunha busca continua da excelencia turística».

A alcaldesa, Patricia Domínguez, que tamén asume as competencias de Tursimo, acudiu tanto á gala de entrega da Q como a Fitur acompañada polos concelleiros Miguel Sierra, Crstina Paz e Rubén Armenteros, ademáis de Rosa Carballo, técnica da Oficina de Turismo. O grupo de goberno de Trives aproveitou a súa presentación como Pobo Máxico para promocionar produtos da zona.

Patricia Domínguez agradeceu tanto a distinción de calidade como a incorporación a entidade Pobos Máxicos de España porque son dos «avales ás políticas en materia de turismo despregadas durante este mandato, especialmente complexo pola pandemia e a crisis que estamos a sufrir todos os concellos. Comporta un aliciente máis no reto de consolidarnos como un destino turístico de elevado prestixio». Considera, ademais, que así é como gañan «prestixio, fiabilidade, rigorosidade e promoción» os destinos turísticos, polo que aposta por seguir traballando nesta mesma liña.

Dous recoñecementos de calidade turística para Trives: Q e Pobo Máxico de España