domingo. 04.06.2023

O Campamento DiverTrives chega hoxe xoves día 23 de agosto á súa fin, tras un verán frenético de actividades programadas no que a participación foi, un ano máis, multitudinaria e diversa, con nenos e nenas de Trives pero tamén doutros lugares de España e fora das fronteiras nacionais. Así nolo contaba unha das persoas involucradas na súa organización, Matilde González, que recordaba o feito de que «este campamento cada ano é máis popular e congrega a nenos de moitos lugares que comparten experiencias e aprenden uns doutros nestes meses».

No empeño de «dar a coñecer o noso aos máis cativos», unha das últimas actividades realizadas polos asistentes a este campamento urbán, foi a visita á Escola da Banda de Gaitas Os Trintas na mañá do pasado martes día 21 de agosto, para coñecer, da man dos seus profesores Santiago Mera e David Fernández, os instrumentos tradicionais e o mundo da música galega.

Dende a organización do campamento apuntan que a iniciativa foi organizada por DiverTrives coa colaboración da propia banda de gaitas, e foi «unha proposta de apoio e difusión da nosa cultura onde os nenos participantes descubriron o mundo da música galega a través de divertidas explicacións e a toma de contacto directa cos instrumentos. Para DiverTrives, «este é o mellor xeito para facer que os cativos se interesen e, se queren, poidan pasar a formar parte da banda de gaitas trivesa» que ten as portas abertas para seguir recibindo novos alumnos.

DiverTrives achega aos seus cativos ao mundo da música galega