O verán abre por máis tempo as portas dos museos de Quiroga

O Concello amplía os horarios do Museo Xeolóxico e do Museo Etnográfico e programa novas actividades para achegar o patrimonio a veciñanza e visitantes

Coa chegada do verán, son moitos os veciños que regresan ás súas aldeas e vilas de orixe para pasar as vacacións. A eles súmanse tamén numerosos visitantes que aproveitan estes meses para descubrir os atractivos naturais, patrimoniais e culturais da comarca. Pensando neles, os museos de Quiroga estrean desde hoxe un horario de apertura máis amplo que facilitará as visitas durante os meses de xullo e agosto.

Grazas á participación do Concello de Quiroga no programa de Voluntariado Xuvenil da Xunta de Galicia, tanto o Museo Xeolóxico como o Museo Etnográfico permanecerán abertos de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Durante as fins de semana e festivos, o Museo Xeolóxico poderá visitarse de 11.00 a 12.00 horas, mentres que o Museo Etnográfico abrirá as súas portas entre as 12.00 e as 13.00 horas.

Museo Etnográfico de Quiroga

Ademais deste horario habitual, o Concello continúa ofrecendo visitas guiadas para grupos de dez ou máis persoas en calquera día da semana, sempre con reserva previa, que poderá realizarse no teléfono 982 435 125 ou no correo electrónico cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es.

A programación estival completarase coa iniciativa «Descubrir Quiroga», impulsada polo Concello co financiamento da Deputación Provincial de Lugo. Dentro deste programa celebrarase o 2 de agosto a actividade «Aventura en familia», que combinará unha visita ao Museo Xeolóxico con diferentes dinámicas e xogos dirixidos ao público infantil.

As persoas interesadas nesta proposta poden solicitar máis información ou formalizar a súa inscrición a través do correo turismo.quiroga@eidolocal.es ou no teléfono 982 435 125.

Con esta ampliación de horarios e a posta en marcha de novas actividades, Quiroga reforza a súa oferta cultural durante os meses de maior afluencia de visitantes, convidando a descubrir dous espazos que permiten coñecer de preto a riqueza xeolóxica e etnográfica do municipio.

Tu prueba Premium ha finalizado