domingo. 08.06.2025

O Concello de Quiroga pretende facer uns presupostos «diferenciadores»

O equipo de goberno de Quiroga traballa na elaboración do novo presuposto que levará a sesión plenaria para a súa aprobación
O Concello de Quiroga intenta facer uns presupostos «diferenciadores»

O equipo de goberno de Quiroga traballa na elaboración do novo presuposto —primeiro elaborado por este novo goberno— que levará a sesión plenaria para a súa aprobación. O orzamento preséntase como «diferenciador» e que «dará a cada área a economía necesaria para traballar e cubrir os servizos básicos». 

«A nosa inquietude sobre a auga é primordial, pero unha débeda anterior sumada a uns escasos presupostos, dificultan a inversión; non obstante vaise estar sobre este tema por afectar a toda a veciñanza», explican. De feito, xa se provocaron numerosos cortes do subministro xa que non chegaba nas mellores condicións. 

Dende o Concello xa están traballando en mellorar isto. O primeiro paso foi realizar unha memoria que se trasladou ás distintas administracións. O propio alcalde, José Luis Rivera, encargouse de presentala ante a Xunta de Galicia, mentres que outros concelleiros de goberno a presentaban na Deputación Provincial de Lugo.

A idea é construír un novo depósito de almacenamento con máis capacidade para que en momentos de choiva se poda dispoñer de auga nas mellores condicións sen ter que usar a da captación se ven turbia.

Outro tema que teñen como prioritario son os desbroces. Este ano conseguíronse 120.000 € da Deputación Provincial para a compra dun tractor con desbrozadora co que se pretende cubrir as necesidades esenciais das aldeas e parroquias. Farase unha folla de ruta tentando que se chegue a todas elas.

Tamén a través da Deputación, concretamente do Plan Único, dispoñerase de 350.000 € que se destinarán a obras, turismo, servizos sociais, medio rural... tal e como está marcado dende o ente provincial. No referente a obras a idea é tentar que estas «non sexan moi grandes pero que poidan cubrir todas as necesidades, dándolle prioridade ás máis necesarias».

Para estes novos presupostos tamén se ten en mente regular o tráfico, pondo énfase nos pasos de cebra e no cumprimento das normas de tráfico e de respecto aos cidadáns. As mascotas tamén serán outro dos puntos a tratar, dende a Concellería de Medio Ambiente colocáronse papeleiras con dispensadores de bolsas para recoller excrementos. 

Recentemente creouse a concellería para o Reto Demográfico. O primeiro paso foi unirse a plataforma Aldealista, coa intención de axuntar esforzos para que a xente veña a vivir ao mellor val da zona.

Tamén teñen en mente a intención de poñer en marcha un coworking dirixido por profesionais para apoiar e orientar a futuros empresarios e facer un viveiro, un lugar físico, onde os novos empresarios poidan executar o aprendido ou poñer en marcha a súa empresa.

O Concello de Quiroga pretende facer uns presupostos «diferenciadores»