lunes. 16.06.2025

Samuel Soto celebra o Día das Letras Galegas cun tema dedicado a Florencio

A canción de Samuel Soto, que vén acompañada dun videoclip, é un recurso moi empregado nas escolas para achegar ao alumnado a vida do poeta valdeorrés
Samuel Soto Letras Galegas 2022
Samuel Soto Letras Galegas 2022

Como xa fixo nos últimos tres anos, o músico quirogués Samuel Soto quíxose sumar á celebración do Día das Letras Galegas cunha canción dedicada á figura homenaxeada pola Real Academia Galega este 2022, o poeta Florencio Delgado Gurriarán.

Nos máis de tres minutos e medio que dura a peza, Soto repasa a biografía do autor, facendo fincapé na súa terra de procedencia. «De Córgomo, Valdeorras, en Vilamartín, na beira do Sil, moi pretiño de Quiroga», canta Samuel, facendo un aceno tamén ao seu lugar de orixe.

Ademais dos aspectos biográficos e a vida no exilio, o tema repasa a obra do autor, lembrando poemarios como ‘Bebedeira’ ou ‘Galicia Infinda’, por citar algúns. Todo unido cun retrouso apegadizo que di «Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán van para vos!».

Como xa ocorreu coas cancións que Samuel Soto dedicou a Antón Fraguas, Carvalho Calero e Xela Arias, este tema é moi celebrado polos colexios de toda Galicia, que o empregan nas aulas para achegar dun xeito diferente a figura de homenaxeado no Día das Letras Galegas ao alumnado.

A banda sonora destas Letras Galegas vén acompañada dun vídeo no que o músico quirogués combina imaxes de obras do poeta con outras gravadas en Córgomo.

https://www.youtube.com/watch?v=NJpruv5tL80

Samuel Soto celebra o Día das Letras Galegas cun tema dedicado a Florencio