
José Gaspar Bernárdez Villegas, doutor en investigación agraria e forestal, e Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático da escola politécnica superior de enxeñería, presentaron o libro “Árbores e formacións senlleiras da contorna dos Ancares e do Courel” no que se recolle información sobre os teixos de Cereixido e Vilarbacú.
O libro recolle o traballo realizado para analizar, documentar e poñer en valor as árbores máis monumentais da serra dos Ancares e o Courel, un patrimonio natural que constitúe un atractivo turístico máis desta comarca que é xenerosa en valores naturais. Ofrece información detallada dos doce exemplares que están incluídos actualmente no catálogo galego de árbores senlleiras, entre os que se atopa o Teixo de Cereixido.
A publicación que forma parte da serie “Cadernos da estación científica do Courel”, tamén se recollen exemplares que se propoñen para formar parte do catálogo, que son merecedores de ser considerados como árbores senlleiras ou exemplares que non estaban ata o de agora catalogados e que chaman a atención pola súa singularidade como o de Vilarbacú.
Teñen a consideración de senlleiras as árbores e as formacións de calquera especie, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores naturais, culturais, científicos, educativos, estéticos ou paisaxísticos.
O libro destaca que aínda seguen aparecendo rexistros de exemplares e formacións que parece incrible que chegaran aos nosos días sen que nada máis que uns poucos e afortunados veciños da zona souberan da súa existencia. Entre eles atópase o Teixo da ermida de Vilarbacú.
Completamente oco, medra sobre un valado, polo que a medida do seu perímetro é aproximada, en torno aos nove metros, pero sen dúbida é un dos exemplares de maior perímetro normal de Galicia. No tronco ten algunhas pequenas ramas secas e abundante flora epífita. Medra inclinado sobre un rego de auga e sobre un pequeno muro de lousas superando os nove metros de altura.
Segundo a publicación, as Serras de Ancares e Courel e a súa contorna, son punto de encontro dos mundos florísticos eurosiberiano e mediterráneo, o que explica a presenza no seu territorio de bosques naturais típicos da rexión florística eurosiberiana, como carballeiras, bidueirais, faiais e abeledas e outros bosques característicos do dominio florístico mediterráneo, como aciñeirais e sobreirais; e de transición, entre os que os cerqueirais son os máis representados.
As elevadas precipitacións que normalmente regan as terras galegas favorecen a formación de cursos de auga, polo que tamén son frecuentes os bosques de ribeira, ameneirais, freixidos e salgueirais fundamentalmente.