
O vindeiro luns, 25 de novembro, Quiroga conmemorará o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra a Muller cunha concentración diante da casa consistorial, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) da localidade. O acto central, previsto para as 13:00 horas, incluirá a lectura dun manifesto en contra da violencia machista, coa participación activa do alumnado do Instituto de Educación Secundaria (IES) e do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Quiroga.
As actividades conmemorativas, que xa están en marcha desde o pasado martes, buscan concienciar á comunidade educativa e á veciñanza sobre a importancia de erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres. Nos días 19 e 20 de novembro, desenvolvéronse obradoiros de sensibilización no IES de Quiroga, onde se abordaron diferentes tipos de violencias machistas a través de dinámicas participativas.
Este venres, as actividades trasládanse ao CEIP, onde o alumnado participará nun obradoiro similar e na elaboración de pancartas que se exhibirán na concentración do luns.
Desde o CIM subliñan que estas iniciativas son fundamentais para visibilizar unha problemática que afecta á sociedade no seu conxunto e para fomentar valores de igualdade desde idades temperás. A convocatoria do luns pretende ser un acto simbólico de unidade e compromiso na loita contra a violencia machista en Quiroga e en todo o mundo.