
O vindeiro domingo 1 de setembro, ás 20:00 horas, abrirase o prazo para anotarse na XI Edición do Quiroga Trail Challenge. Un evento que xa está consagrado como proba líder das carreiras de montaña en Galicia e que se vai celebrar o 15 e 16 de febreiro de 2025.
Nesa data volverase a gozar do marco natural que ofrece o Xeoparque Montañas do Courel e da comarca de Quiroga en todo o seu esplendor. quirogatrail.es
Blas Rodríguez, do Montouto Club de Montaña —coorganizador da proba xunto ao Concello de Quiroga— agarda repetir a cifra de participantes do pasado ano, que foron 1.300 en total. «O sábado faremos as probas do castelo, coa carreira máis longa, e o domingo iremos cara a montaña do Lor».
Nesta edición aparecen novas distancias que buscan mellorar os percorridos e adaptarse a todos os gustos. En distancia ultra poderase escoller entre 83 ou 53 kilómetros, para os que queiran dar o salto a esta modalidade. Permanece a maratón de 42, o trail de 29 e o minitrail de 17 kilómetros.

Estrearase distancia de 10 kilómetros —"As carreiriñas"— tanto o sábado coma o domingo, para aqueles que busquen iniciarse no mundo do trail ou, simplemente, gozar dun percorrido máis curto. «Esta proba curta está aberta para maiores de 14 anos», indicou Rodríguez.
Tamén se manterá a andaina do sábado e as modalidades de circuíto: correr os dous días da fin de semana ou un único día de calquera dos dous. Segundo o organizador, «a que ten máis éxito é a de 29 e a de 17 kilómetros». Dous días que levarán a Quiroga unha gran cantidade de xente: «entre os 200 voluntarios e todos os visitantes que veñen, o municipio case dobra o seu tamaño».
Con tres anos superando os 1.200 participantes, Blas Rodríguez teno claro: «xa estamos consagrados como festa do trail galego, xa que haberá música, gastronomía e sorpresas. É máis que unha carreira».
Pode escoitar a entrevista completa con Blas Rodríguez no seguinte enlace de audio: