sábado. 09.08.2025

Quiroga recada 1.487 euros contra o cancro coa súa primeira Andaina Noite de Estrelas

Preto de 350 persoas participaron nesta andaina nocturna organizada polo Concello, cun percorrido de 7 km e saída desde a Praza de España
somoscomarca_20250808_quiroga_andaina_solidaria912
Quiroga recada 1.487 euros contra o cancro coa súa primeira Andaina Noite de Estrelas

Preto de 350 persoas sumáronse este xoves á primeira edición da «Noite de Estrelas», unha andaina nocturna e solidaria organizada polo Concello de Quiroga en apoio á Asociación Española Contra o Cancro (AECC). O evento, que mesturou deporte, paisaxe e compromiso social, recadou un total de 1.487 euros que foron entregados á entidade a través dun cheque simbólico.

somoscomarca_20250808_quiroga_andaina_solidaria914

A iniciativa partiu da área de Deportes do Concello, que decidiu apostar por un novo formato seguindo a estela doutros eventos nocturnos como a Night Trail e a Night Run, pero centrado exclusivamente nunha andaina apta para todos os públicos. A inscrición tiña un custo simbólico de 5 euros para adultos e 3 euros para menores de 15 anos.

A saída tivo lugar na Praza de España, desde onde os participantes iniciaron un percorrido de sete quilómetros considerado de dificultade baixa. A ruta incluíu puntos emblemáticos como a rúa Real, a Praza Maior, Pacios de Mondelo, o camiño do Regueiral, a Ermida, San Vitoiro e a pista do monte da Conchada, antes de regresar ao centro da vila.

somoscomarca_20250808_quiroga_andaina_solidaria913

Durante preto de dúas horas, os camiñantes gozaron das vistas nocturnas de Quiroga nun ambiente de convivencia marcado polo bo tempo e a solidariedade. A actividade logrou unir veciñanza e visitantes arredor dunha causa común: contribuír á loita contra o cancro a través do deporte. Desde o Concello amosan a súa satisfacción pola alta participación e anuncian que xa se traballa na continuidade deste evento o próximo ano.


 

Quiroga recada 1.487 euros contra o cancro coa súa primeira Andaina Noite de Estrelas