martes. 24.06.2025

Quiroga axudará aos alumnos que estuden fora do concello

Dende o consistorio acaban de conseguir unha achega de 7.000 euros para axudar económicamente aos empadroados en Quiroga que non poden cursar os seus estudos de FP ou universitarios na vila

O Concello de Quiroga consignou novamente unha partida de 7.000€ para axudar aos estudantes empadroados no municipio que cursan algunha das ensinanzas que non se podan cursar en Quiroga (FP ou universitarias).

Son gastos subvencionables a matrícula educativa, a compra de libros de texto ou material escolar, o alugueiro de vivendas ou os gastos de transporte, sempre que figuren a nome do estudante que solicita a achega económica como recalcou a concelleira de Xuventude desta localidade, Ana Lucía Nogueira.

Esta semana enviaránse as bases, que xa se poden consultar no taboleiro de anuncios do concello, para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Unha vez estean publicadas no boletín os alumnos interesados terán 20 días hábiles para presentar as solicitudes, que obrigatoriamente este ano deberán tramitar a través de internet (sede electrónica do concello ou no correo concello.quiroga@eidolocal.es).

Xunto co formulario da solicitude deberán de presentar xa a documentación xustificativa do gasto para o que piden a axuda. Esta partida repartiráse entre todas as solicitudes que se presenten, pero irá en función do gasto que se xustifique.

A concelleira de xuventude fixo fincapé en que cada beneficiario recibirá axuda en proporción ao seu gasto, para recibir a contía máxima que corresponda despois de dividir a partida orzamentaria entre todas as solicitudes é preciso que estea xustificada esa cantidade como mínimo, de non xustificarse esa cantidade soamente se subvencionaría o gasto xustificado. O pasado curso foron 37 os estudantes beneficiados.

Quiroga axudará aos alumnos que estuden fora do concello