
Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel contan cun novo obradoiro dual de emprego. A Consellería de Emprego e Igualdade inviste 377.000 euros no obradoiro de emprego Sillor VIII, que deu comezo nos tres concellos.
Os 20 participantes formaránse na especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. Os alumnos-traballadores integrados neste programa recibirán durante nove meses unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade.
Ademais, unha vez remate o obradoiro, poderán traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación, solicitados polos promotores do obradoiro.
Ao tempo que adquiren os coñecementos e habilidades necesarias, os participantes no obradoiro desenvolven distintas obras nos concellos promotores. En concreto, Quiroga construirán beirarrúas na travesía dos Tallos.
En Ribas de Sil acondicionarán a nave municipal de San Clodio e en Folgoso do Courel construirán un heliporto eventual en Traspando, mellorarán o acceso á igrexa de Esperante e acondicionarán unha zona para parapente no alto do Piapaxaro entre outras actuacións.