martes. 03.06.2025

A proposta cultural de Quiroga: 19 actividades en tres meses

José Luís Rivera, alcalde do municipio, destaca a celebración do San Martiño con «500 quilos de castañas» encargados
somoscomarca_quiroga_auditorio_2022 (21)
Auditorio municipal de Quiroga

Continúan chegando programacións de cara aos últimos tres meses do ano. O Concello de Quiroga comezaba a primeira actividade este 5 de outubro, aínda quedan 18 máis. 

Este venres, 11 de outubro, realizárase espectáculo de improvisación oral, "Regueifa de Bergantiños a Ribas de Sil e A Quiroga". O salón de actos de Ribas de Sil será o encargado de acoller este acto organizado polo servizo lingüístico de ambos os concellos. 

Sete días despois o CIM de Quiroga organiza unha andaina solidaria polo cancro de mama. E como isto é un non parar, o sábado 19 desfrutarase dunha actividade cultural. Os interesados poderán viaxar a Santiago de Compostela para asistir a "Terceiro Acto" no Centro Dramático Galego. 

As últimas citas de outubro leva por nome "Literatura Afinada" na Casa da Cultura, o día 23. O último domingo do mes farase unha excursión aos Cañóns do Sil. O broche de ouro será un faladoiro no Centro Social. 

En novembro a programación comeza o día 10 coa obra de teatro "Na procura dun traballo" a cargo de Metátese Teatro no Auditorio Municipal.

O día 11 celebrarase un dos actos «principais», así a define o alcalde, José Luís Rivera. É o San Martiño, patrón de Quiroga e festivo local. «Dende fai uns anos, despois da misa, abren bodegas na zona vella», explica. 

«Pola tarde xa teño encargados 500 quilos de castañas para asar na praza», asegura. A música será outra das protagonistas durante a xornada. Segundo Rivera, isto débese a unión veciñal.

Os Trocos de Vilalba representarán "Un safari xeitoso" o domingo 24. Ese mesmo luns, o CIM, organizará unha conmemoración polo Día da Non Violencia contra as Mulleres. Os faladoiros regresarán ao Centro Social o 27. Para rematar novembro haberá unha viaxe a Ourense para asistir a representación de "La Celestina". 

O último mes do ano comezará e rematará igual, con teatro. Cultura Activa representará "Castelao" o mércores 4 de decembro no auditorio municipal. Ao ser época de regalos e desexos, a Escola de Música Moderna fará unha representación de nadal. 

As tres últimas actividades estarán enfocadas no teatro. O día 20 será a quenda de Satori Teatro con "Masculino Singular". Pola súa banda, Ubú Teatro estará no Auditorio Municipal con "O Viaxante dos Soños" o 27 de decembro. O último domingo do ano poderase acudir a ver "O Auto do Castromil". 

A proposta cultural de Quiroga: 19 actividades en tres meses