miércoles. 18.06.2025

Isidro García Tato será o pregoeiro da coroación da Virxe dos Remedios

Santa María da Ermida, en Quiroga, arrinca a novena que antecede á festa con este pregón e coa bendición das portas do templo parroquial. Será mañá venres 30 de agosto 
somoscomarca_240316_obarco_casagrande_isidrogarciatato_presentacionruizdepadron (3)
Isidro García Tato será o pregoeiro da coroación da Virxe dos Remedios.

No marco da coroación canónica da Virxe dos Remedios, no primeiro día da novena que antecede á festa, bendeciranse as portas que se acaban de instalar no templo parroquial e haberá un pregón. Mañá venres 30 de agosto ás 9:30 horas o vicario de pastoral da diocese de Lugo D. Luis Manuel Rodríguez Pérez, levará a cabo a bendición. 

Para ese mesmo día a comunidade parroquial convidou ao teólogo e historiador valdeorrés Isidro García Tato como pregoeiro. O pregón terá lugar ás 19:40 horas na igrexa parroquial. 

García Tato licenciouse en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca. Entre 1973 e 1976 foi bolseiro nas Universidades de Múnic e Ratisbona (Alemaña), onde foi alumno de Joseph Ratzinger. Entre 1976 e 1981 foi axudante de Cátedra na Facultade de Teoloxía da Ludwig-Maximilians-Universität de Múnic, pola que se doutorou en Teoloxía en 1981 e entre 1982 e 1986 bolseiro posdoutoral no Instituto Francisco Suárez e no Departamento de Historia Medieval do Centro de Estudos Históricos do CSIC.

Santa María da Ermida, Quiroga
Igrexa de Santa María da Ermida, Quiroga.

Entre 1984 e 1985 foi secretario da Revista Española de Teoloxía. Durante dez semestres, comprendidos entre 1976 e 1981, impartiu dez cursos na Universidade de Munich, onde coincidiu con D. Alfonso Carrasco Rouco, actual bispo de Lugo.

En 1986 doutorouse en Filosofía pola Universidade Complutense, e nese ano foi contratado no Departamento de Historia Medieval do CSIC.

É membro do consello científico da revista Estudios Mindonienses, do consello de redacción do Instituto de Estudos Valdeorreses —do que é membro de mérito desde 1990—, secretario e membro do consello de redacción de Cuadernos de Estudios Gallegos, e secretario de publicacións do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Dende 1997 ata 2017 foi científico titular do CSIC no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, e hoxe é científico «ad honorem» de tal institución.

Isidro García Tato será o pregoeiro da coroación da Virxe dos Remedios