Qui-Roma transformou Quiroga nunha vila onde castrexos e romanos conviviron por un día, pero tamén loitaron despois do desfile de ambos pobos pola Rúa Real, onde non faltou á cita Mario Nogueira cos seus bois.

Un programa completo de actividades agardaba a todos os que se achegasen a Quiroga este 17 de agosto. Desde primeira hora da mañá ruta de cabalos para logo, cara ao mediodía, abrir o mercado Qui-Romano na Vía Rex, nos nosos tempos Rúa Real. Demostracións de artesanía e traballos de alame, xogos para os nenos e inchables de balde.

Tamén pola mañá o Museo Xeolóxico tivo visitas guiadas poñendo o acento na cultura castrexo-romana. O Museo Etnográfico foi outro dos protagonistas deste enfoque cultural de Qui-Roma. A mañá rematou coa Batucada XDL de Quiroga e a presenza da Garda Romana Lucus Equites.

Sen dúbida o desfile da tarde foi o acto máis agardado. Primeiro a Garda Romana Lucus Equites, o espectáculo circense de asacocirco show, con malabares, lume, e espectáculo para toda a familia e xa polo serán o desfile Qui-Romano Arde-Loucos pola rúa Real coa participación da Guardia Romana Lucus Equites e Mario Nogueira cos seus bois.

O desfile levou ao público e a romanos e castrexos ate o auditorio que se transformou nun circo romano, onde os gladiadores Qui-Romanos e os castrexos loitaron «a morte». Ao remate Dj Adri puxo a música. Os que quixeron asistiron á cea con paella, postre, bebida e café. Pola noite concerto do grupo Dinosaurios de Monforte e festa rachada coa Disco-Móbil Eme Music.