lunes. 07.07.2025

Anguieros (Quiroga) rende homenaxe ás castañas, as cabazas e ao Samaín.

Un magosto popular, unha andaina entre soutos, un obradoiro de cabazas e a visita a unha caniceira, son actividades programadas para o 4 denovembro pola  Asociación Sociocultural Boca do Monte, dos Anguieiros
somoscomarca_anguieiros (4)

A Asociación Sociocultural Boca do Monte, dos Anguieiros, no Concello de Quiroga, ten programadas para o vindeiro domingo 4 de novembro unha serie de actividades para vivir colectivamente o tempo das castañas, das cabazas e do Samaín.

Enmárcanse na denominada Xornada Castañeira, unha iniciativa que veñen organizando dende o ano 2016 e que só estivo interrompida no 2020 pola pandemia. Os obxectivos principais desta xornada son poñer en valor a castaña, un produto que se foi perdendo nos Anguieiros e contorna por mor das enfermidades que están atacando aos castiñeiros dende hai anos, e celebrar un magosto popular.

somoscomarca_anguieiros (3)
Visita a caniceira de Nito

Esta xornada divulgativa e de encontro veciñal contou durante estes anos con charlas arredor da castaña e o seu potencial agroalimentario, obradoiros de elaboración de cabazas de Samaín, andainas, visitas a soutos e caniceiras e o tradicional magosto popular con música tradicional.

Programa da VII Xornada Castañeira

A s actividades están programadas para o 4 de novembro e comezarán cunha andaina de ida e volta que pasará por soutos e comunicará as aldeas veciñas de Vilanuide e Seadur. Esta última, xa no Concello de Larouco, provincia de Ourense.

A saída está programada para as 9:00 h. da mañá dende O Portaleiro, entrada dos Anguieiros, e pasará pola aldea de Vilanuide ata chegar a Seadur. Alí aproveitarase para tomar un viño e coñecer a Cova da Xabreira, un proxecto emprendedor que se caracteriza por ofrecer experiencias enogastronómicas  nunha cova tradicional recuperada dentro do conxunto etnográfico de Covas de Seadur.

somoscomarca_seadur_covadaxabreira_2022_09_023364 (6)
A Cova da Xabreira será unha das visitadas

Tras visitar este enclave que fala moi ben do potencial vitivinícola deste lugar, regresarase aos Anguieiros facendo o camiño de volta polos mesmos sendeiros. Calcúlase que o remate da andaina será entre as 13:30 e as 14:00 h. Recoméndase levar algo para almorzar no camiño, auga, roupa e calzado resistentes á choiva e paraugas.

Xa pola tarde, ás 17:00 h. haberá un pequeno obradoiro de cabazas de Samaín para a rapazada, cabazas que despois se iluminarán para acompañar durante o magosto. Paralelamente tamén se ensinará algunha caniceira que se mantén conservada para explicar a función que tiñan e como se secaban as castañas tempo atrás.

somoscomarca_anguieiros (2)
Percorrido da andaina

Chegada a noite, a partir das 20:00 h. empezarán os preparativos para o magosto, dispoñendo algo de aperitivo e preparando xa o lume para ir asando as castañas no tambor ao calor do lume. E cara as 21:00 h. comezarase a comer os bullotes, haberá sobremesas e licores ademais de música tradicional a cargo do grupo O Recanto, de Quiroga.

somoscomarca_anguieiros (5)
O grupo de gaitas O recanto porá a música da xornada

Anguieros (Quiroga) rende homenaxe ás castañas, as cabazas e ao Samaín.