
Non é a primeira vez que se escoita falar dos aceites "únicos" de Quiroga. Nesta ocasión, Ouro de Quiroga, nas súas variedades Mansa e Brava, recibiu o terceiro premio na categoría de variedade local da ESAO Awards, os Premios Oficiais da Escola Superior del Aceite de Oliva —no que participaron máis de 170 olivicultores de España, Portugal, Grecia, Italia, Turquía, Líbano, EEUU e Brasil—.
Este aceite forma parte do grupo operativo "Oliveiras de Galicia". Con estes resultados prevén que se alcance un salto tecnolóxico na obtención de plantas enraizadas ademais da transferencia de coñecemento ao sector produtivo e á cadea de valor do oliveiral galego.
Entre os seus obxectivos, ademais da optimización dos procesos de multiplicación de material vexetal, figura a comprobación da adaptación ás condicións reais de cultivo en campo das plantas de oliveira procedentes dos dous tipos de multiplicación; o aproveitamento das variedades de oliveira autóctona galega; e a recuperación a medio prazo de terras agrarias.
O proxecto articúlase como un consorcio liderado pola Fundación Juana de Veiga e participado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Oliveiral da Concordia (Valga, Pontevedra). Como entidade colaboradora, a Axencia Galega dá Calidade Alimentaria (AGACAL) da Xunta de Galicia.