jueves. 18.04.2024
portada

O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco mantivo unha reunión co presidente da Cruz Vermella de Valdeorras, Maximino Alonso, e o responsable da empresa Mantesil, Berto Fernández, no que analizaron o borrador do decreto de socorrismo elaborado pola Xunta de Galicia. O obxectivo é estudar a posible incorporación de suxestións.

Blanco amosou a disposición de solicitar que a Academia Galega de Seguridade imparta cursos de formación en Valdeorras para a incorporación de novos profesionais aos servizos de socorrismo.

Na xuntanza, valorouse positivamente o novo decreto, que modifica o existente do ano 2012 e que busca ofrecer as maiores garantías de seguridade nas instalacións acuáticas de Galicia. Esta norma inclúe unha prórroga de catro anos para a transitoriedade cara a dotación de persoal de socorrismo que teña certificado de profesionalidade, de xeito que se garanta a existencia de efectivos nas praias e instalacións acuáticas galegas.

Tamén destacaron que o decreto permita incorporar á profesión, mediante unha ordenada formación de adaptación e a través dun curso ponte, aos graduados en ciencias da actividade física e o deporte (INEF) e aos técnicos superiores en animación de actividades físicas e deportivas (TAFAD) xa que constitúen titulacións especialmente vinculadas á actividade física e o deporte.

Neste punto, Moisés Blanco recoñeceu a importancia de que Academia Galega de Seguridade Pública, a través de convenios de colaboración con diferentes entidades, entre as que se atopa a Cruz Vermella, puidera impartir algúns cursos en Valdeorras, “de xeito que se evitarían desprazamentos das persoas interesadas nesta comarca, co conseguinte aforro de gastos”.

“Deste xeito, conseguimos achegar a Administración pública e a formación de calidade aos cidadán, evitando así longos desprazamentos e custes adicionais”, sinalou Blanco.

O deputado popular comprometeuse a trasladarlle ao director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, “a boa vontade e a colaboración tanto de Cruz Vermella de Valdeorras como dos profesionais que traballan neste sector, e que contan con experiencia contrastada nesta materia para que se poidan impartir estes cursos na comarca”.

Moisés Blanco analiza coa Cruz Vermella e Mantesil o Novo Decreto de Socorrismo