
Un exemplar reina de Vespa Velutina apareceu fai uns días en Oulego, no Concello de Rubiá, converténdose nunha das principais ameazas para a recolleita do mel esta temporada.
Foi un apicultor valdeorrés quen encontrou o insecto preto das súas colmeas, cando as abellas defendían o mel do ataque da avespa. A Vespa Velutina come as abellas autóctonas e utiliza o mel que teñen acumulado no seu tórax para alimentar as súas larvas. Pero o perigo destes exemplares radica en que merman a produción de mel, xa que as abellas céntranse en defender a casa e non saen a recoller o produto.
De momento non se encontrou ningún niño secundario, pero dende a Asociación de Apicultores de Valdeorras supoñen que tivo que haber algún no pasado, e que agora xa están a construír os niños primarios.
Ao encontrar este primeiro exemplar é practicamente seguro que haxa algún máis pola zona. "Ao ter a N-120 preto, o paso de vehículos e camións de mercancía facilita a chegada deste tipo de insectos invasivos", explica Armando Rodríguez Losada, presidente da Asociación de Apicultores de Valdeorras.
Rodríguez Losada afirmou que procederán a trampear a zona con atraentes para captar o maior número de "avespas asiáticas" posibles. "Vamos a trampear a zona para coller o máximo número de reinas que podamos, porque agora están facendo o niño e abandónao para ir buscar comida. O que interesa é coller estas reinas, porque cada una delas significa un niño secundario", explicou o presidente.
A esta ameaza externa, únense as xeadas dos últimos días, que queimaron castañeiros enteiros e están afectando xa á recollida do mel: "Empezara a temporada moi ben, pero con esta seca e as xeadas vai acabar sendo un ano malísimo para o mel", comenta Armando Rodríguez Losada.