
O Concello de Rubiá remata o 2024 destacando o volume de investimentos en infraestruturas, rehabilitacións e actividades sociais e culturais, segundo declarou o alcalde, Elías Rodríguez. Este ano, marcado pola execución de obras pendentes e novas iniciativas, observase o compromiso municipal co desenvolvemento do concello.
«Foi un ano de melloras en camiños, infraestruturas e pavimentacións nos núcleos principais como Rubiá, O Val, Trambasaguas, Quereño e Vilar de Silva. Algúns destes traballos están rematados, aínda que outros, como os de Biobra, continuarán até final de ano», explicou Rodríguez. Estas actuacións contaron con axudas da Deputación, da Xunta e fondos propios, o que facilitou moitas das melloras.
Dinamización social e cultural
Entre os eventos culturais destacados está o Mercadiño de Nadal, celebrado durante a ponte de decembro. Durante esas datas incluíronse actividades para nenos —aínda se manteñen—, a chegada dos Reis Magos e a primeira edición da Festa de Matanza, que foi «un éxito rotundo e que esperamos repetir no futuro», sinalou o alcalde.
Ademais, reforzouse o apoio social mediante actividades solidarias como o magosto en beneficio das vítimas da DANA en Valencia.
Rehabilitacións e proxectos a longo prazo
O concello tamén avanzou en proxectos de rehabilitación, como a recuperación da igrexa entre Barrio e Castelo, que quedara arrasada polo incendio e agora está totalmente restaurada con fondos da Xunta. Por outra banda, destaca a rehabilitación da Vía Nova, unha iniciativa prioritaria pero de gran custo, por este motivo fan pequenas actuacións cada ano.
A política de vivenda foi outro dos puntos a destacar polo rexedor. «Vendemos tres inmobles rehabilitados e estamos a punto de pechar outra venda. A intención é seguir co proxecto», indicou Rodríguez.
Proxectos de futuro
De cara ao 2025, o Concello de Rubiá continuará coas políticas de mellora dos núcleos de poboación e coa creación e renovación de parques infantís, como os de Quereño e Porto.
Ademais, os servizos sociais seguirán sendo prioritarios, mantendo a atención a preto de 40 persoas. «Seguiremos traballando pola rehabilitación da Vía Nova, mellorando infraestruturas e apostando pola vivenda e os parques», concluíu o alcalde.